Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2022 | Actualizada ás 12:47
O lume que consome O Courel xa rexistra unha cifra histórica: máis de 10.000 hectáreas foron arrasadas polas lapas nesta vaga de incendios que sofre Galicia desde o pasado xoves. Ese, xunto co de Valdeorras, que tamén supera as 10.000 hectáreas afectadas, son os dous grandes focos de lume nos que están pousadas todas as olladas.
Na mañá deste xoves, veciñanza do Val da Seara, no Courel, traslada a Galicia Confidencial a reactivación de tres focos, dous de lume e un de fume. "Non hai brigadas, así que imos subir entre dez e quince persoas voluntarias atallar os focos con batelumes", denuncia o veciño da zona Séchu Sende dende o terreo.
"O lume controlou-se pola noite mas agora há tres focos reavivados. Um grupo de voluntários e vizinhança vai cara aló. A fronte de Vilarbacu parou-se no seu avance cara à Seara polas devasas e pistas que anchearom os bulldozers na pista que vai da Golada à Campa da Lucenza", explica. "O mais preocupante", prosegue, "é um fronte potente que avança polo Pico Polim em direçom à Devesa da Rogueira. A Devesa continua ameaçada".
Nas últimas horas, a veciñanza criticou duramente a "descoordinación" dos medios contra incendios na zona, que estivo tamén este pasado mércores sen brigadistas durante horas. De feito, o lume está sendo contido por voluntariado. Tamén alertas sobre o descoñecemento do terreo por parte dos efectivos, o que dificulta aínda máis a actuación sobre os lumes. Un vehículo da UME acabou mesmo envorcado nun dos camiños de acceso ás zonas afectadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.