Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2022 | Actualizada ás 12:50
A Plataforma Vía Galega fixo un chamamento a participar nos actos organizacións este 25 de xullo, na celebración do Día da Patria Galega, en "defensa dos dereitos nacionais" de Galicia. Entre outros, chama a manifestarse en Santiago de Compostela, ademais de exhibir "simboloxía do país" en xanelas, varandas e galerías durante toda a semana.
A plataforma Vía Galega, que agrupa máis de 65 colectivos sociais e culturais, con lazos co BNG, subliña que se trata dunha xornada na que miles de galegos "defenden e reclaman os dereitos colectivos que lles corresponden a Galicia como nación, e por iso, é bo momento para exhibir os símbolos propios do país".
Vía Galega avoga pola "ampliación da conciencia nacional" para conseguir o recoñecemento do exercicio do dereito de autodeterminación, para que Galicia "dispoña de plenos dereitos democráticos e liberdades colectivas e individuais".
Quere, engade, "incrementar a plena capacidade política, sen subordinación a intereses alleos para obter unha economía ao servizo do pobo galego, que free o espolio dos recursos, cre emprego de calidade e deteña a emigración, xunto con accións que normalicen a lingua, cultura, deportes e ensino".
Nesta edición, Vía Galega distribuirá en Compostela unha publicación conmemorativa do Día da Patria e contará cun posto no Festigal, o evento que organiza a Fundación Galiza Sempre no campus sur.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.