A falta de vivenda é a maior dificultade coa que se atopan as persoas refuxiadas ucraínas

A ONG Accem en Galicia fai un hamamento á poboación para que poña a disposición destas persoas os seus pisos de aluguer.

Por E.P. | A CORUÑA | 27/07/2022 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O responsable da ONG Accem en Galicia, Daniel Bóveda, destacou que a maior dificultade coa que se atopan na actualidade as persoas ucraínas que chegan a Galicia, ademais da barreira lingüística, é a falta de vivenda.

Por iso, fixo un chamamento á poboación para que poña a disposición das persoas refuxiadas os seus pisos de aluguer. "Hai un problema de acceso á vivenda xeneralizado, non só por parte da poboación estranxeira", puntualizou. Desde que comezou o conflito bélico chegaron a Galicia 2.517 refuxiados. Bóveda detallou que esta entidade --con sede na Coruña, Vigo e Lugo-- deu orientación a 285 persoas "en toda Galicia".

Bóveda fixo estas declaracións este mércores durante a visita do delegado de Goberno en Galicia, José Miñones, á sede da ONG Accem na Coruña, na que estivo acompañado tamén pola coordinadora provincial da entidade, Cristina Ucieda. Durante a súa visita, Miñones reiterou que o Goberno de España "mantén vivo o seu compromiso e reforza a súa solidariedade con Ucraína e as persoas refuxiadas" a través do Sistema Estatal de Acollida que conta coa colaboración do resto de administracións públicas e entidades sociais.

ACHEGA EXTRAORDINARIA

O delegado do Goberno lembrou ademais que o Consello de Ministros aprobou unha achega extraordinaria de 392 millóns de euros que se distribuirán entre as 20 asociacións que traballan dentro do Sistema Estatal de Acollida. En concreto, Accem recibirá a nivel estatal 69 millóns do total para financiar os programas de atención e inserción de refuxiados.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o responsable da ONG Accem en Galicia, Daniel Bóveda; e a coordinadora provincial desta entidade na Coruña, Cristina Ucieda. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o responsable da ONG Accem en Galicia, Daniel Bóveda; e a coordinadora provincial desta entidade na Coruña, Cristina Ucieda. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta