Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/09/2014 | Actualizada ás 10:00
Era o primeiro gran proxecto espacial made in Galicia; o Xatcobeo, o satélite galego. Logo de dar 13.623 voltas á Terra nos dous anos e sete meses que pasaron desde o seu lanzamento, desintegrouse ao tomar contacto coa atmósfera.
Foi este martes sobre o ceo de Australia e foi o segundo satélite feito en España que fai o seu reentrada na atmosfera, tras a realizada en 2002 polo Minisat. Alí quedaron as partículas na que quedou convertido o gran proxecto tecnolóxico da Universidade de Vigo.
O Xatcobeo abriu a senda aeroespacial nesta universidade, que continúa agora co Humsat-D, en órbita desde novembro de 2013 e unha vida estimada dun ano, aínda que polos datos recibidos na estación de seguimento podería superarse esta previsión. Debido á súa órbita, pasarán case 25 anos até o seu reentrada na atmosfera.
O Xatcobeo, que foi lanzado o 13 de febreiro de 2012 desde a Guayana Francesa, tiña unha vida útil estimada de tres meses polos altos niveis de radiación aos que ía estar exposto ao gravitar nos aneis de Van Allen. Coa súa desintegración total, o Xatcobeo cumpriu cos requisitos da Axencia Espacial Europea, cuxos estándares se respectaron no proceso de construción, para evitar a xeración de lixo espacial.
O proxecto máis inmediato é o do Femtoxat, unha especie de potenciador de sinal da rede de satélites Humsat para misións humanitarias, e cuxo lanzamento se producirá probablemente o próximo ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.