Por E.P. | Ourense | 01/08/2022 | Actualizada ás 18:25
O candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, compareceu este luns ao pé da fonte das Burgas, símbolo da cidade, para presentar o lema e a identidade visual coa que iniciarán en setembro o curso político de cara ás eleccións municipais de maio de 2023, baixo a promesa de "ir a por todas".
Acompañado da concelleira Ruth Reza e outros membros da formación, o portavoz nacionalista advertiu que, "mentres outros se dedican a enredar con mocións de censura" que "só xeran falsas expectativas e confunden", outros "traballan como formiguiñas para presentar un proxecto sólido e solvente" coa pretensión de "abrir un tempo novo" na urbe.
Seara foi presentado hai poucos días pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como a persoa que encabezará a lista nas eleccións municipais en Ourense e este luns, xa como candidato, presentou a identidade visual e o lema da precampaña subliñando que o Bloque é a primeira formación en facelo.
O lema elixido é 'Ourense con orgullo!' e a identidade visual que resume gráficamente o lema son as dúas primeiras letras seguidas do signo de exclamación final: 'OU!'.
Esta marca débese a tres motivos: "Admiración porque Ourense é potencia e capacidade, admiración porque temos confianza e orgullo de ser de Ourense, e admiración porque fai falla forza e determinación para pór en marcha a cidade e devolver o Concello onde merece".
Nesta liña, o candidato á Alcaldía explicou que se trata dunha idea clara que "será a bandeira" do grupo político porque "Ourense non merece máis desprestixio nin máis incompetencia".
Por iso, os nacionalistas proponse devolverlle á cidade "o orgullo" que din que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación e do partido a nivel provincial, Manuel Baltar, "lle roubaron nestes anos de disparate e vergoña allea".
Así pois, pretenden lanzar unha mensaxe de "ir a por todas". "Saímos con toda a forza para darlle á cidade o cambio que necesita. Somos optimistas", proclamou Seara, esgrimindo que o BNG, nas eleccións galegas de 2020, foi a segunda forza política no concello "con preto do 22% do apoio".
"Hai unha corrente de simpatía cara á nosa formación que se concreta en que cada vez son máis persoas as que queren formar parte dela", expresou o candidato, avanzando que a súa acción política nos próximos meses virará ao redor de tres ideas básicas: "o cambio político, dar un goberno serio e devolver o orgullo a Ourense".
POSIBLE MOCIÓN DE CENSURA
Ao comezar a súa exposición falando dunha moción de censura, Luís Seara foi preguntado sobre a viabilidade de que suceda contra Jácome. Así, foi tallante e mostrouse "escéptico" con que as conversas entre PP e PSOE prosperen neste sentido.
"Primeiro, deberían aclarar porque non houbo acordo hai dous anos cando os vetos cruzados eran constantes e insalvables e pola contra agora xa non sería así", pediu.
Ademais, o nacionalista deixou claro que, no caso de que finalmente se poñan de acordo, algo que "non cre que suceda", quere que o plasmen por escrito e que dean traslado porque "será nese momento cando os órganos de dirección do partido valoren e decidan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.