Por Europa Press / Redacción | Maceda | 03/08/2022 | Actualizada ás 10:12
O incendio que se iniciou ás 20,52 horas deste martes na parroquia de Castro de Escuardo, en Maceda, segue activo e a Consellería de Medio Rural eleva no seu último parte a superficie afectada, segundo as medicións provisionais a 150 hectáreas.
Este incendio forestal iniciouse en tres focos diferentes e simultáneos, polo que, segundo o departamento que dirixe José González, "todo apunta á súa intencionalidade". O alcalde da localidade, Rubén Quintas, ratificou a Europa Press que se trata "dun incendio intencionado de libro".
Na súa extinción, participaron 1 técnico, 8 axentes, 28 brigadas, 13 motobombas, 3 pas, 3 avións e 7 helicópteros.
Así mesmo, desde as 21,30 horas deste martes permanece estabilizado o incendio máis grande dos que aínda non foron extinguidos en Galicia: o que se iniciou na madrugada do sábado na parroquia de Mourentán do concello pontevedrés de Arbo e que calcinou unhas 400 hectáreas.
Este lume está perimetrado e sen chama. Medio Rural traslada que se están refrescando puntos quentes e subliña que se mantén estabilizado. Para apagalo, traballaron 9 técnicos, 29 axentes, 90 brigadas, 59 motobombas, 5 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 12 avións e 10 helicópteros. Así mesmo, participan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
EXTINGUIDO O INCENDIO DA CAÑIZA
En canto ao incendio rexistrado en Oroso, na Cañiza, quedou extinguido ás 20,01 horas da pasada xornada, tras participar nos labores de extinción 1 técnico, 15 axentes, 26 brigadas, 13 motobombas 2 pas, 9 avións e cinco helicópteros.
Medio Rural confirma que finalmente resultou queimada unha superficie de 29,5 hectáreas, das que 18 son arboredos e 11,5 monte raso. Finalmente, segue controlado o lume de Padróns, en Ponteareas, cunha superficie provisional afectada de 20 hectáreas. Na súa extinción participaron 11 axentes, 23 brigadas, 16 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.