Piden a dimisión do conselleiro de Sanidade pola saturación da atención primaria e a falta de persoal

CIG-Saúde reclama medidas para sumar traballadores e pechar un episodio de sobrecarga que se agudiza coa presión turística.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2022 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

Os representantes da central sindical CIG-Saúde na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés expresaron o seu rexeitamento ás medidas presentadas na Mesa Sectorial de Sanidade, que teñen como obxectivo actuar ante a falta de profesionais en determinados puntos de atención continuada (PAC).

Nunha rolda de prensa celebrada no salón de actos do Hospital Provincial, os responsables sindicalistas explicaron que a Administración ten que asumir esta "crise sanitaria" e "tomar as medidas que permite o marco legal para situacións excepcionais", como a que se vive estes días nesta área sanitaria, que "non é responsabilidade dos profesionais da PAC nin do conxunto da Atención Primaria".

En todo caso, di CIG-Saúde que estes profesionais "son vítimas dunha situación que eles non provocaron e que ten unha clara afectación na calidade asistenciaI prestada ao conxunto da cidadanía". Segundo a central, as decisións propostas deberían "estudar as causas que xeran esta situación", avaliando como se chegou aquí "e asumindo as responsabilidades na xestión, ou na ausencia dela, realizada nos últimos anos".

Aseguran que "ou melloran as condicións de traballo, e non é só un tema retributivo, ou as prazas de formación que incrementemos seguirán quedando desertas". Por iso rexeitan as medidas propostas porque "penalizan máis a profesionais xa sobrecargados, que están a soportar co seu esforzo o peso da nosa sanidade pública".

Os representantes de CIG-Saúde Manuel González Moreira Begoña Maio e Celia Igrexas lamentaron que a de Pontevedra-O Salnés é "sen dúbida, a área que peor trata aos profesionais" polo que "loxicamente a xente prefire marchar a outras áreas cunha mellor xestión de Persoal".

A preguntas dos xornalistas, os representantes de CIG-Saúde valoraron o anuncio que fixo o Sergas aos representantes sindicais de CESM, Prosagap, Omega, TSP e CO-BAS, de cambios na directiva da área sanitaria.

No entanto, advertiron que "o importante non son os nomes, senón que a Xerencia teña un plan que sexa capaz de facer fronte aos problemas". Para os nacionalistas a orixe do problema está na propia Consellería de Sanidade, polo que reclaman a saída do seu titular, Julio García Comesaña.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta