Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2022 | Actualizada ás 10:56
Os concertos previstos para a Praza do Obradoiro, no marco da Peregrinación Europea de Mozos 2022 que se celebra estes días en Santiago, foron suspendidos pola derruba dunha parte do teito do escenario situado na praza.
Fontes da organización explicaron que na tarde do mércores, debido aos refachos de vento que se rexistraron, desprendeuse unha parte do teito do escenario, ferindo ademais a un voluntario.
O mozo, que foi trasladado ao hospital por precaución, está ben, aínda que presenta feridas no xeonllo "producidas na caída, e non polo golpe", matizan desde a organización.
Este imprevisto obrigou ademais a cambiar a localización do acto inaugural, que finalmente se celebrou na fachada principal da Catedral de Santiago.
Por seguridade, explican, estimaron que o mellor era suspender os actos previstos para ese escenario, xa que non estaban "seguros" de como evolucionarían os ventos nin a suxeición do resto da estrutura.
Tamén por precaución decidiron valar os arredores do escenario, polo que non todos os mozos puideron acceder ao acto de inauguración.
Ata que as actividades se trasladen ao Monte do Gozo o día 6 de agosto, tal e como estaba previsto na organización inicial, os concertos celebraranse no parking de Salgueiriños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.