Vaga de incendios: Declarada a alerta por proximidade a vivendas no incendio de Boiro

Un novo lume próximo a núcleos de poboación calcina 350h en Caldas en doce horas. Hai nove grandes incendios activos que arrasaron máis de 2.000 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/08/2022 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural solicitou a declaración da 'Situación 2' no incendio forestal de Boiro debido á proximidade das chamas ao núcleo de poboación de Piñeiro. Este lume, que afecta a parroquia de Cures e que foi declarado activo ás 16,12 horas do xoves, queimou unhas 350 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Xunta.

Vista xeral do incendio na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, Pontevedra
Vista xeral do incendio na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, Pontevedra | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press.

Ata o momento, mobilizáronse para controlalo tres técnicos, 25 axentes, 40 brigadas, 25 motobombas, catro pas, unha unidade técnica de apoio, 12 avións e sete helicópteros.

Ata esta, a única 'Situación 2' que permanecía vixente era a do lume de Caldas de Reis, que afecta tamén o concello veciño de Vilagarcía de Arousa, cunhas 450 hectáreas queimadas. Con todo, Medio Rural avanzou que evoluciona "favorablemente" e "non hai perigo para núcleos de poboación".

A Consellería do Medio Rural activou a última hora deste xoves a alerta por proximidade dun incendio forestal ao núcleo da Porteliña, na parroquia de Saiar, no concello pontevedrés de Caldas de Reis. 

No punto traballan 4 técnicos, 6 axentes, 30 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 4 avións e 4 helicópteros. Así mesmo, solicitouse o apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Ademais, na provincia de Pontevedra hai outro tres incendios sen extinguirse. No municipio de Arbo, sobre as 23,00 horas a Consellería desactivou a Situación 2 por proximidade das chamas ao polígono industrial debido ao incendio iniciado na parroquia da Barcela. Polo momento, este lume permanece activo e calcinou unhas 70 hectáreas.

Trátase dun incendio que, segundo indica a administración autonómica, entrou desde Portugal e "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización, sen afectación a aldeas". Tamén na localidade pontevedresa de Arbo, permanece estabilizado o incendio da parroquia de Mourentá, con 400 hectáreas arrasadas. Pola súa banda, o de Padróns, en Ponteareas , segue controlado tras calcinar 20 hectáreas.

AMES

A Consellería do Medio Rural rexistrou tamén este venres un novo incendio forestal en Ames solicitou a 'Situación 2' por proximidade a vivendas do núcleo de Guitiande, no concello veciño de Brión.

Segundo informa a Xunta, trátase dun lume iniciado ás 18,52 horas da tarde e que rolda as seis hectáreas queimadas ata o momento. Mobilizáronse tres axentes, catro brigadas, seis motobombas, cinco avións e catro helicópteros.

Esta é a terceira alerta por proximidade a núcleos de poboación activa na tarde deste venres, tras a dos lumes de Caldas de Reis e do de Boiro, con 450 e 400 hectáreas calcinadas, respectivamente.

PONTE CALDELAS

A Consellería do Medio Rural solicitou a activación da 'Situación 2' como medida preventiva pola proximidade das chamas ao núcleo da Canicouva, en Pontevedra, por mor dun incendio iniciado na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas.

Para a extinción deste incendio --que se iniciou ás 19,35 horas da tarde deste venres-- mobilizáronse ata agora 3 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 3 avións e 3 helicópteros.

Ademais, a Xunta solicitou a desactivación da alerta por proximidade de vivendas no incendio forestal activo no municipio tamén pontevedrés de Caldas de Reis, parroquia de Saiar, ao remitir o risco para núcleos de poboación.

Este lume --que se iniciou ás 19,25 horas deste xoves-- afecta unhas 450 hectáreas provisionais. Traballaron na súa extinción 6 técnicos, 11 axentes, 44 brigadas, 35 motobombas, 5 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros. Tamén se mobilizou a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

MELLORA A SITUACIÓN EN VERÍN

Por outra banda, na localidade ourensá de Verín "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización" o incendio activo que calcinou xa unhas 600 hectáreas, polo que continúa como o lume máis extenso sen controlarse. Este xoves xa foi desactivada a alerta por proximidade ás casas ao remitir o perigo para os núcleos de poboación.

Trátase dun incendio declarado á primeira hora da tarde do mércores e do que as autoridades non dubidan da súa intencionalidade, tal e como demostra que se iniciou nunha decena de focos diferentes

Ata o momento, participaron no operativo efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), á parte de nove técnicos, 30 axentes, 65 brigadas, 30 motobombas, 12 avións e 12 helicópteros, entre outros medios.

Os demais incendios da provincia de Ourense atópanse estabilizados ou controlados. Un deles, o de Maceda, que afecta á parroquia de Castro de Escuadro, quedou controlado ás 21,09 horas deste venres. As últimas cifras ofrecidas por Medio Rural estiman a superficie afectada en 150 hectáreas. "Iniciouse en tres focos diferentes e simultáneos", puntualiza a Xunta.

Ademais, Medio Rural dá por controlado desde as 19,15 o lume en Calvos de Randín, en Lobás, cun balance de 50 hectáreas queimadas. Así mesmo, na Mezquita permanece estabilizado desde as 21,09 o lume iniciado na parroquia do Pereiro, que arrasou unhas 150 hectáreas.

En total, estes nove incendios que aínda están sen extinguir na comunidade galega levan arrasadas máis de 2.000 hectáreas de superficie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta