Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2022 | Actualizada ás 12:03
A representante sindical de USO-Ryanair en Santiago de Compostela, Laura Caballero, denunciou "ilegalidades" cometidas por parte da compañía aérea ao desprazar empregados desde Madrid a Santiago para operar os voos que poderían ser cancelados pola folga, que comezou este luns e que se estenderá de luns a xoves todas as semanas ata o mes de xaneiro de 2023.
En declaracións aos medios de comunicación, Caballero lamentou o "esquirolazo" que supón, ao seu xuízo, que a empresa estea a desprazar empregados desde outras bases, por exemplo Madrid, ata Santiago para que leven a cabo o traballo das persoas en folga. "Espérase que todos os voos (deste luns) vaian saír grazas ás ilegalidades que está a cometer a compañía para vulnerar o noso dereito a folga", criticou a portavoz de USO-Ryanair en Santiago.
A pesar diso, Caballero reivindicou que os traballadores queren que a folga dure "o menos posible", indicando que terminará cando a compañía acepte sentar a negociar. "O único que queremos é que se recoñezan os nosos dereitos e no momento no que a empresa se digne a negociar connosco, a folga quedará desconvocada", engadiu.
IRREGULARIDADES
Entre as súas reclamacións, os empregados piden que Ryanair cumpra a lexislación española xa que, segundo dixo, moitos dos traballadores non chegan a cobrar nin o Soldo Mínimo Interprofesional (SMI) e non teñen os dereitos labores que se inclúen no Estatuto dos Traballadores.
Ademais, Ryanair é a "única aerolínea" que opera en España que non dispón dun convenio propio. Así mesmo, os empregados piden que se readmita a 11 traballadores que foron despedidos "inxustamente" en convocatorias de folga anteriores e que se eliminen os expedientes disciplinarios abertos a decenas de persoas "por exercer o seu dereito a folga".
Os tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP) de Ryanair iniciaron este luns unha folga que consta de xornadas de paros de 24 horas de luns a xoves todas as semanas ata o 7 de xaneiro de 2023. En Santiago, este luns ata as 09,00 horas da mañá non se produciu ningunha cancelación, pero si tres atrasos, dous de voos con chegada á capital galega e un dun avión que partía do aeroporto de Lavacolla.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.