Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/08/2022 | Actualizada ás 18:13
A Xunta de Galicia e o Observatorio do Litoral coinciden en que existe "base xurídica suficiente" para interpor un recurso contra a reforma do Regulamento de Costas, tal como se puxo de manifesto este luns na reunión que mantiveron a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Carmen Bouso, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, con representantes da entidade.
Tras recibir o aval deste recoñecido grupo de investigación dependente da Universidade da Coruña, especializado no estudo e análise de cuestións xurídicas relativas ao litoral, os servizos xurídicos do Goberno galego estudarán a posibilidade de recorrer unha norma que supón un "ataque directo" contra o sector mar-industria e contra aqueles titulares de vivendas no litoral galego, ademais de que pon en risco edificacións como centros de saúde e colexios, segundo o Executivo galego.
Así mesmo, a Xunta lamentou que tanto o Consello de Estado como o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitasen remitir á Xunta o ditame preceptivo sobre esta modificación regulamentaria, na súa condición de interesada.
"Esta nova normativa limita as cesións para as industrias do mar a 30 anos, impide que haxa vivendas no litoral e abre a vía para modificar os límites do dominio público marítimo-terrestre dunha forma totalmente arbitraria", criticou o Goberno galego.
Para a Xunta, o que busca o Executivo central con esta norma é expulsar da costa toda presenza de actividade social e económica "sen xustificación técnica algunha", do mesmo xeito que coa Lei de Cambio Climático e co Plan estratéxico do litoral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.