Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2022 | Actualizada ás 14:41
Un total de catro ciclistas resultaron feridos en diferentes atropelos e caídas ocorridos en Galicia na mañá desta xornada de luns, segundo informa o 112. En concreto, un ciclista foi atropelado en Nigrán por un camión do lixo. Os feitos sucederon ás 9,15 horas na rúa Canido. Un particular deu aviso do sucedido, nun sinistro no cal o ferido necesitou asistencia sanitaria.
Xa en Ferrol, unha persoa foi testemuña dun atropelo a un ciclista na incorporación da Avenida Esteiro á Avenida das Pías. Sobre as 9,45 horas, solicitaba asistencia para o ferido, que se atopaba consciente.
Pola súa banda, un dos integrantes dun grupo de ciclistas resultou ferido de consideración ao sufrir unha caída cando circulaban pola EP-6303, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Agolada. O home necesitou ser evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago a bordo do helicóptero medicalizado.
Este suceso produciuse sobre as 10,45 horas, cando circulaban pola estrada que une Brantega con Toiriz. Tamén se pediu a colaboración dos Bombeiros do Deza, GES de Lalín e axentes da Garda Civil de Tráfico, entre outros medios.
Paralelamente, esta accidentada mañá de 15 de agosto para ciclistas galegos complétase con outro ferido por unha caída en Sarria, na rúa do Camiño Francés, sobre as 11,15 horas. A consecuencia do golpe, o ferido tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.