Os avogados de Diego Bello piden que os policías implicados no asasinato non poidan abandonar o país

Esixirán tamén o traslado do caso a Manila e reuniranse con responsables dos bancos nos que Bello tiña fondos para tentar recuperalos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2022 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O equipo de avogacía que leva o caso de Diego Bello, o mozo coruñés asasinado en Manila en xaneiro de 2020, solicitará ao Tribunal que leva o caso unha orde de prohibición de abandono do país para os tres policías acusados do ocorrido. Nun comunicado advirten a este respecto, ademais, que esta medida podería ir acompañada co lanzamento dunha alerta á Interpol.

Tentarán así "darlle un novo impulso ao procedemento e conseguir que se celebre, por fin, o ansiado xuízo para o esclarecemento dos feitos". Con ese obxectivo, ademais da orde para non abandonar o país, os letrados contratados pola familia presentarán ante o xulgado que tramita o procedemento en Surigao do Norte, a solicitude de cambio de xurisdición ante o Tribunal Rexional de Surigao.

"De acordo cunha nova circular recente da Corte Suprema, as solicitudes de cambio de xurisdición xa non se presentan ante a Corte Suprema senón ante os Tribunais Rexionais, e é o xuíz encargado do tribunal correspondente quen resolve", explican. A solicitude será presentada persoalmente polos letrados "para evitar posibles presións sobre o xuíz" e que o caso sexa levado á capital, Manila, "ao tratarse dun asunto de suma importancia e cunha gran relevancia internacional".

Doutra banda, reuniranse cos responsables dos bancos onde Diego tiña fondos para ver se se poden liberar finalmente, "tras máis de dous anos de continuas trabas administrativas e burocráticas".

Tanto a familia como os achegados móstranse "sorprendidos" de que pese ao cambio de goberno en Filipinas non se produciron aínda detencións. Lembran que aos tres policías acusados do asasinato se lles concedeu unha suspensión de emprego con soldo desde o momento en que se coñeceu a súa imputación. Segundo apuntan, manteñen activas as súas redes sociais e a xente da illa é coñecedora do paradoiro dos policías.

"A imaxe que traslada o goberno filipino é de total impunidade fronte aos presuntos asasinos do coruñés, debido a que a policía nacional filipina non está polo labor de executar a orde xudicial que, a pesar dos recursos interpostos polos letrados dos policías, é firme ao desestimarse todos e cada un deles", censuran.

Concentración para reclamar xustiza para Diego Bello.
Concentración para reclamar xustiza para Diego Bello. | Fonte: PLATAFORMA XUSTIZA PARA DIEGO - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta