As traballadoras do Consorcio de Igualdade denuncian "nula vontade política" para evitar a folga

O paro convocado pola CNT afectará os servizos 15 días ao mes de setembro a decembro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2022 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

A folga que afectará as Galiñas Azuis, os centros de día, as residencias e demais servizos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está lonxe de evitarse. As traballadoras acusan ás administracións de "menosprezo" cara ao seu traballo e lamentan a "nula intención política" de negociar para evitar a parálise dos servizos que afectarán máis de 5.000 familias en Galicia.

Protesta das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar
Protesta das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar | Fonte: arquivo

No manifesto, publicado na páxina da CNT Galiza e nas súas redes sociais, denuncian un "ERE encuberto" derivado dun proceso selectivo que se está a negociar e que "non busca a estabilización do persoal, senón o desmantelamento dos equipos de traballo. "O resultado será a perda de capital humano, algo insubstituíble, e redundará na diminución irremediable da calidade do servizo", denuncian.

Segundo explican, en dúas semanas arrancará unha folga que afectará gravemente os períodos de adaptación das crianzas que van por primeiro ano á escola e tamén ás rutinas das máis de 500 persoas maiores que fan uso dos servizos do Consorcio. A folga estenderase dende o 5 ao 16 de setembro, do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro.

No manifesto publicado polas traballadoras lembran os puntos a negociar para acadar a resolución definitiva dun conflito que leva máis de catro anos na axenda, pero que, denuncian, "ninguén parece ter vontade de solucionar". Entre eles, o persoal demanda que se garanta unha convocatoria "única e específica" e unha oposición "non eliminatoria". Así mesmo, urxen a retirada do concurso de traslados, que a experiencia sume o 90% da nota e que se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración.

 

"As mulleres do Consorcio vémonos obrigadas a seguir adiante cunha folga durísima, que convocamos en xullo, e coa que queda en evidencia a absoluta indiferenza que mostran ante esta situación os seus responsables: Sr. Rueda, Presidente da Xunta de Galicia, Sra. Fabiola García, Conselleira de Política Social, Sr. Barreiro, Director Xeral de Función Pública e Sr. Perfecto, Xerente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta