Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 21:00
Este 25 de agosto cúmprense cinco anos desde un día chave para os veciños de Touro e O Pino: foi a xornada no que, a dicir da asociación contra este proxecto, se pousou a ameaza mineira sobre tales concellos, ao publicarse no Diario Oficial de Galicia o anuncio de información pública dun novo proxecto de extracción de cobre a ceo aberto presentado pola empresa Cobre San Rafael, creada ad hoc apenas uns meses antes.
"Logo de décadas padecendo os pasivos ambientais deixados por unha explotación anterior, abandonada nos anos oitenta e aproveitada posteriormente polo conglomerado de empresas do grupo Explotaciones Gallegas SL, a veciñanza non dubidou en informarse e organizarse na defensa da terra e dos recursos que, segundo o proxecto presentado ante a Xunta de Galicia, se vían ameazados pola actividade mineira", explican dende a plataforma, que estas xornadas enarbolan a bandeira dunha celebración controlada ante esta ameaza que quedou atrás.
Pero non foi fácil: "Foron precisos máis de dous anos de incansable movilización, manifestacións, denuncias, charlas, alegacións, informes, apoios para que a DIA do proxecto fora negativa e se concluira na esixencia á empresa da restauración dos terreos e o cese da drenaxe ácida de mina ás augas dos ríos".
Finalmente, sería no 2018 cando as múltiples denuncias formuladas ante a Xefatura Territorial provocaron que as autoridades competentes realizaran unha visita de inspección á zona e constatan o problema, "evidente", de drenaxe aceda. Ese foi o principio da fin da mina de Touro: Cobre San Rafael quedou co proxecto denegado pero obrigada á restauración dos pasivos ambientais existentes, ao ser o novo titular dos dereitos mineiros dende que en 2017 lle foron transferidos por Explotaciones Gallegas para ese proxecto denegado.
REHABILITACIÓN DA ZONA
Pero, segundo a asociación, esta empresa "segue máis centrada na súa campaña de marketing coa axuda da empresa que aporta o capital, Atalaya Mining, insistindo en vender un novo proxecto mineiro aos seus invertidores na bolsa de Londres". Namentres, os veciños seguen a esixir a restauración das auguas contaminadas do entorno da mina ademáis do cese dos olores --que definen como "nauseabundos"-- procedentes da planta de residuos. "Non é unha obra de caridade o que se pide é unha obriga que por lei ten o dono dos terreos, sea quen sea e no momento que sea, unha restauración que xa tarda 29 anos".
En conclusión, e "ante a incesante sombra da minería", a veciñanza de Touro e O Pino asegura que "non baixa a garda", e o xoves 25 de agosto, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, xunto co Centro de Saberes para a Sustentabilidade, Ecoloxistas en Acción, Fundación Montescole e a Asociación Tralapena, acollerá no local social de Bama --en Touro-- o lanzamento do Observatorio Ibérico da Minería (MINOB) e a presentación do libro sobre a minaría a ceo aberto “A montaña soñada”. No acto abordaranse polo miúdo as infraccións ambientais e sociais da minería, con especial fincapé no caso de Touro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.