Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2022 | Actualizada ás 22:00
Nin atravesamos unha crise demográfica, nin os datos da natalidade son alarmantes nin o envellecemento da poboación debera resultar problemático. Antía Pérez Caramés, profesora de socioloxía na Universidade da Coruña e experta en demografía e migracións, cre que adoitamos facernos as preguntas erradas cada vez que o Instituto Nacional de Estatística publica os datos máis recentes sobre poboación. E é que o problema dunha caída da natalidade, di, non é de corte demográfico, senón social. De aí que "ningunha experiencia de políticas explicitamente natalistas acadara os seus obxectivos". E de aí que cumpra mudar o foco do discurso demográfico máis catastrofista cara á dimensión social e económica dos problemas que se agochan detrás deses datos.
Cando se fala da evolución do número de nacementos e da pirámide poboacional, rapidamente aparecen no debate público termos como “inverno” ou “suicidio demográfico”, envellecemento da poboación, crise da natalidade… Describen ben a realidade demográfica que vivimos ou son tópicos que alimentan unha visión máis ben apocalíptica do asunto?
A utilización dese tipo de expresións para describir as tendencias demográficas recentes non é neutra. Son expresións que temos connotadas negativamente (inverno, suicidio, crise, envellecemento...), polo que foron escollidas precisamente para indicar que os fenómenos aos que aluden son problemáticos e preocupantes; é dicir, foron creadas e empréganse para xerar alarma e preocupación en torno á situación demográfica. Son expresións que, en liñas xerais e salvo excepcións, non se atopan no discurso académico, senón que teñen unha orixe política e mediática, polo que non casan ben coa realidade dos sucesos demográficos. É, de feito, tramposo falar de crise demográfica porque oculta unha serie de problemas sociais máis importantes.
Galicia encadea máis de tres décadas cun saldo vexetativo negativo, e segundo os últimos datos do INE, a natalidade descendeu un 10,3% desde a pandemia. Que lectura podemos facer destes datos? Deberían alarmarnos?
A maior parte das sociedades avanzadas teñen un saldo vexetativo ou ben negativo ou ben moi escaso desde que se consolida a súa tendencia a combinar unha baixa natalidade cunha baixa mortalidade; isto é, hai algunhas décadas. Neste senso, Galicia non é nin unha excepción nin unha anomalía. O único que lle imprime á dinámica demográfica galega dunha lixeira maior intensidade nesta tendencia do crecemento natural é o impacto das diversas vagas de emigración.
No que respecta ás consecuencias da pandemia, o que fixo esta foi intensificar esa tendencia, ao incrementarse, por unha banda, as defuncións, especialmente entre as persoas máis maiores, e, por outra, ao reducirse o número de nacementos xa que as mulleres postergan as súas decisións de maternidade en contextos de tanta incertidume. O máis probable é que as cifras volvan a magnitudes semellantes ás previas á pandemia nos próximos anos, e non son en absoluto alarmantes.
É problemático o envellecemento da poboación?
O envellecemento da poboación é a consecuencia directa e ineludible de dous grandes éxitos sociais. Por unha banda, o gran incremento na esperanza de vida, que se produce grazas á mellora das condicións de vida e o acceso aos sistemas sanitarios a grandes capas da poboación. Por outra, a capacidade de controlar a fecundidade e de ter o número de fillos/as que se desexa. A causa destes dous procesos, incrementa o número de persoas maiores en relación con total de habitantes, o que se coñece como envellecemento da poboación. Visto nesta perspectiva, o envellecemento non podería ser cualificado de problemático.
Agora ben, unha cousa é o fenómeno demográfico en si e outra as súas implicacións sociais. Dado que o envellecemento demográfico ten xa un carácter estrutural (e non pasaxeiro), o que cómpre é adaptarse como sociedade ás súas implicacións e os retos que supón, pero sería unha estratexia errada pretender reverter este proceso, simplemente porque é imposible.
"Os factores que apuntan as mulleres para non ter fillos teñen que ver, principalmente, coa falta de condicións laborais e económicas adecuadas ou a escaseza de recursos que faciliten a conciliación e a corresponsabilidade"
Nas últimas semanas, a raíz dos datos do INE, falouse e escribiuse moito ao redor da baixa natalidade. Que variables están detrás desta realidade?
Existe un factor demográfico importantísimo que é o que chamamos en Demografía a "inercia demográfica". As xeracións de mulleres que están hoxe en día en idade de ter fillos/as son, á súa vez, fillas de mulleres que xa decidiran reducir o tamaño da súa descendencia. Porque levamos catro décadas de redución da fecundidade. Isto fai que o número de mulleres en idades fértiles sexa hoxe considerablemente menor que hai 10, 20 ou 30 anos.
Alén deste efecto da inercia, cando imos aos elementos que están na toma de decisións relativas á fecundidade por parte das mulleres, segundo os datos para Galicia da última Enquisa de Fecundidade que elaborou o Instituto Nacional de Estatística (INE) no ano 2018, os factores aos que apuntan teñen que ver, principalmente, coa falta de condicións laborais e económicas adecuadas ou a escaseza de recursos que faciliten a conciliación e a corresponsabilidade.
Inflúen tamén nesta baixada os cambios de mentalidade e a evolución dos propios modelos de familia? O feito de non querer ter fillos é un fenómeno á alza?
Están comezando a aparecer investigacións que apuntan a que nos acostumamos a ver como adecuado aquilo que é máis frecuente ou común no noso entorno social. Neste senso, a xeralización das familias con un único fillo/a podería ter certa relevancia no sentido de axuste ao que se percibe como a norma social. Con todo, cando se lles pregunta ás mulleres polo seu número desexado de criaturas, a grande maioría indica que 2, polo que non existe tal consolidación dese cambio de mentalidade, senón falta de posibilidades de realización do número desexado de fillos/as.
"Unha baixa fecundidade é indicativa de desexos de maternidade irrealizados por falta de asunción pública e colectiva dos coidados e tamén carencia de implicación por parte dos homes"
Que pasará cos coidados no futuro? Fálase de que xa atravesamos unha crise de coidados… A caída da natalidade crea algún reto neste sentido?
A caída da natalidade é, sobre todo, un bo termómetro de que algo estamos a facer mal na organización social dos coidados. É un problema pensar que o modelo actual de coidados é válido e que o que precisamos é reproducírmonos para mantelo. Estamos nunha crise de coidados, non demográfica, porque o sistema está asentado sobre patróns de desigualdade, principalmente de xénero e raciais, moi importantes. Hai unha inxustiza no reparto dos traballos. E desa inequidade, nace a crise.
En xeral, son os países europeos máis igualitarios e con máis servizos públicos de coidados os que manteñen unha natalidade máis elevada (e achegada ao nº de fillos/as ideal que declaran querer ter as mulleres), polo que tamén unha baixa fecundidade é indicativa de desexos de maternidade irrealizados por falta de asunción pública e colectiva dos coidados e tamén carencia de implicación por parte dos homes.
Dende a Xunta fíxose un Plan de Dinamización Demográfica no 2013, e hai pouco que se aprobou a Lei de Impulso Demográfico. Ambas recibiron críticas por adoptar medidas natalistas. Partimos da base errada de que a natalidade debe ser incentivada dende a política?
Efectivamente, ao longo da historia ten habido moitas experiencias de políticas explicitamente natalistas e a constatación é que ningunha acadou os seus obxectivos. A razón disto é que as medidas directamente natalistas converten a baixa natalidade un problema do que responsabilizan individualmente ás mulleres e, polo tanto, non se enfocan nos problemas sociais e económicos, non demográficos, que son os que levan ás mulleres a teren menos fillos/as dos que queren.
"Para a dereita e a extrema dereita a demografía converteuse nunha especie de escusa para non falar nin abordar problemas de índole social ou económica, en certo modo, despolitizando certas cuestións e cambiando a orde das prioridades políticas"
É un discurso bastante estendido, pero sobre todo a dereita e extrema dereita son quen apostan por políticas natalistas e quen recorren en maior medida a eses medos demográficos que falabamos ao comezo… A que responde? Que atopan estes sectores políticos na demografía para facer dela unha baza política?
A conversión da cuestión demográfica nun problema e nun obxecto sobre o que se debe centrar a atención das políticas públicas na actualidade comeza a ser transversal. Atopámola á dereita e á esquerda do panorama político e en todos os niveis da administración (desde o europeo ata o local). Con todo, si que é certo que son as opcións máis conservadoras aquelas que fan unha maior énfase en solucións natalistas ao "problema" demográfico. Para a dereita e a extrema dereita a demografía converteuse nunha especie de escusa para non falar nin abordar problemas de índole social ou económica, en certo modo, despolitizando certas cuestións e cambiando a orde das prioridades políticas. Ademais, a concepción da demografía como un problema engarza moi ben co xiro neoliberal no que os problemas se consideran de índole individual, desdebuxando, deste modo, a súa dimensión social.
Tamén de parte da dereita e ultradereita veñen os ataques máis duros cara á inmigración, que ven como un problema, mais que importancia ten na realidade demográfica?
Na actualidade, as únicas sociedades que medran demograficamente son as que reciben un volume importante de inmigrantes. Non quere dicir isto que a inmigración sexa unha "solución" que permita reverter o envellecemento da poboación, pero si que son sociedades máis dinámicas demograficamente aquelas que reciben inmigrantes.
A dereita está a vehicular mensaxes moi perigosas en contra da inmigración, divulgando, entre outros, o mito do gran reemprazo, que se resume nun temor (completamente infundado, por suposto) a que o volume de inmigrantes supere á poboación autóctona e que isto veña aparellado dun suposto dominio cultural e desaparición da identidade propia. A difusión deste tipo de mitos son moi problemáticos porque da súa man se difunden discursos de odio cara as comunidades migrantes.
Para rematar, que proxección a futuro fas da evolución demográfica en Galicia?
As proxeccións de poboación que realizan tanto o IGE como o INE apuntan cara unha estabilización da caída da natalidade, pero que, ao non ir acompañada dun dinamismo migratorio, non supón un crecemento no número de habitantes en Galicia, senón ao contrario. Porén, a crise económica que está a desatarse nestes últimos meses, así como o ronsel de efectos a medio prazo da superación da pandemia, poden imprimir certas particularidades a este proceso, polo que conviría non interpretar as proxeccións de forma demasiado ríxida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.