Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/09/2022 | Actualizada ás 17:12
A CNT arrincou este luns un primeiro período de folga en centros de día, servizos de coidado a persoas maiores e centros Galiña Azul, que se estenderá ata o día 16, para reclamar medidas contra a temporalidade e melloras nas condicións laborais.
En concreto, a folga estenderase durante 15 días durante tres meses. Ademais deste período en setembro, está convocada en outubro, do luns 3 ao venres 14; en novembro, do luns 2 ao venres 11, e en decembro, do 12 ao venres 23. Entre os motivos que enumeran desde a Sección Sindical da CNT no Consorcio para endurecer as protestas está que o xerente non solicitase a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio, e que "desatenda as súas funcións, declarándose incompetente para negociar cando é o único que pode resolver o tema da temporalidade do persoal, como están a facer as xerencias doutros entes instrumentais".
A CNT explicou que "o único que pode parar esta folga" é a toma de terminadas medidas, como a "garantía dunha convocatoria única e específica" de "oposición non eliminatoria", que se contabilice a formación impartida polo propio Consorcio, a retirada do concurso de traslados e unha "baremación xusta na que a experiencia contabilice o 90%" e que "se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración". Segundo os datos da Consellería de Política Social, a participación na primeira xornada de folga foi do 7,3% dos traballadores, mentres que este martes cífrana no 5,4%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.