A Xunta pedirálle ao Goberno que defenda a importancia do arrastre de fondo e que rexeite o veto da CE

a portavoz popular da área de Mar, Teresa Egerique, remarcou que "o arrastre de fondo é unha das artes de pesca máis comúns e reguladas en Europa, xa que é a única forma viable de capturar moitas das especies craves que se consomen na rexión"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2022 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade --tras proposta do PPdeG--, instar á Xunta a dirixirse ao Goberno central co fin de que rexeite os "ataques" ao sector do arrastre de fondo por parte da Comisión Europea.

Na Comisión de Pesca, saíu adiante este acordo no que tamén se require que o Goberno defenda a importancia deste sector, á vez que se solicite ao comisario de Medio Ambiente que teña en conta as opinións do sector e os datos cuantitativos da súa representación sobre o total da frota pesqueira europea.

Durante o debate, a portavoz popular da área de Mar, Teresa Egerique, remarcou que "o arrastre de fondo é unha das artes de pesca máis comúns e reguladas en Europa, xa que é a única forma viable de capturar moitas das especies craves que se consomen na rexión, alimentos saudables de alta calidade, capturados en case todas co rendemento máximo sustentable e estando moitas delas certificadas polo Marine Stewardship Council".

"Galicia xa leva advertindo desde o inicio que o veto que pretende levar a cabo Bruxelas afectaría a artes tan selectivas e sustentables como o palangre de fondo, polo que seguimos traballando para frear este despropósito", sostén. Neste sentido, considera "indignante que esta decisión se queira tomar de maneira unilateral sen falar cos Estados nin co sector de forma seria, só a través de datos parciais e totalmente desactualizados".

Por outra banda, tamén saíu en comisión outra iniciativa do PPdeG --neste caso sen unanimidade-- para instar á Xunta a remitir o ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Pesqueira Común aos parlamentarios galegos do Senado, Congreso e Eurocámara co fin de adoptar as actuacións e xestións oportunas na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro.

Tamén se empraza a avanzar nos encontros iniciados en febreiro na Bretaña francesa para obter apoios doutras rexións pesqueiras --como Países Baixos, Diamarca ou Irlanda-- e a manter contactos coas entidades representativas do sector pesqueiro europeo e coas redes de rexións atlánticas, tales como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) ou a Comisión Arco Atlántico.

Comisión de Pesca. PARLAMENTO
Comisión de Pesca. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta