Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2022 | Actualizada ás 19:08
O acto académico de apertura do curso 2022/23 nas universidades galegas celebrarase este venres, día 9, nunha sesión solemne no salón nobre do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a partir das 12,00 horas.
Segundo informa a USC, a comitiva académica de profesorado togado que habitualmente abre o acto comezará o seu paseo a partir das 11,45 horas desde a sede do reitorado para dirixirse ata o Colexio de Fonseca, se as condicións meteorolóxicas así o permiten. A sesión poderá seguirse en directo a través da canle oficial de Youtube da USC.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, conformará a mesa presidencial da sesión xunto ao tres reitores galegos, Antonio López (USC), Xullo Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (Uvigo); o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; así como os presidentes dos Consellos Sociais da USC e da UVigo, Cecilia Sierra Rei e Ernesto Pedrosa Silva.
Tras a apertura do acto, o catedrático de Historia Antiga da USC José Carlos Bermejo Barreira pronunciará a lección maxistral titulada 'Información, comunicación e historia'. O discurso do reitor compostelán Antonio López Díaz, en representación do tres institucións universitarias, e o do titular do goberno autonómico porán o peche á xornada e darán por inaugurado o curso nas universidades galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.