O pleno da Deputación da Coruña reclama máis profesorado e libros de texto gratuítos

Nunha declaración institucional insta a Teleperformance a manter o servizo de atención telefónica a clientes de Naturgy.

Por E.P. | A CORUÑA | 09/09/2022 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres unha moción, presentada polo PSdeG e o BNG, pola que reclama á Xunta de Galicia que dote de máis profesorado os centros educativos e que recupere o sistema da gratuidade universal dos libros de texto. A iniciativa contou cos votos a favor de socialistas, nacionalistas, Marea Atlántica e Alternativa dOs Veciños e o voto en contra do Partido Popular.

A moción fai referencia aos gastos que deberán afrontar as familias e reprocha á Xunta deixalas "abandonadas" ante o que cualifica como "o curso máis caro da historia". Tamén apela a "contrastar este modelo coa gratuidade universal dos libros de texto implantada polo Goberno bipartito, un sistema sostido con fondos públicos".

Por outra banda, denuncia "os continuos recortes na educación pública" e demanda á Xunta de Galicia que "cumpra cos seus deberes e responsabilidades no ámbito educativo, dispondo dos medios materiais e persoais e dos recursos económicos que sexan necesarios para garantir a prestación e o acceso ao servizo público esencial da educación".

PERSOAL DE TELEPERFORMANCE

Por outra banda, deuse lectura a unha declaración institucional apoiada por todos os grupos que forman a corporación provincial pola que se insta á empresa Teleperformance a manter o servizo de atención telefónica a clientes de Naturgy na provincia coruñesa. Faino ante a decisión de trasladar o 80% da prestación deste servizo a Colombia, segundo as denuncias do comité, que sostén que neste servizo de atención de Unión Fenosa Distribución, que presta Teleperformance, quedarían só 20 persoas dun total de 120.

Na mesma sesión plenaria, tamén se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG e o BNG en defensa da frota pesqueira pola "intención da Comisión Europea de prohibir todas as actividades relacionadas coa pesca de fondo (arrastre, palangre, anzol...)". Tamén se compromete a trasladar o seu rexeitamento a propostas que leven "á minoración ou eliminación de emprego" neste sector.

PLAN PARA O MONTE

O pleno aprobou, así mesmo, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, a moción presentada pola Marea Atlántica en defensa dun plan sectorial para o monte galego.

O texto insta á Xunta de Galicia a deseñar, en colaboración cos concellos e os axentes sociais implicados (sindicatos agrarios, comunidades de propietarios e universidades) un plan sectorial para o monte galego que inclúa medidas de ordenación, planificación e custodia do territorio, baseado na prevención do lume, nos aproveitamentos mixtos e na promoción de especies autóctonas.

Pleno da Deputación da Coruña. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
Pleno da Deputación da Coruña. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta