Temas: SECA VIñO VENDIMA

Comeza o groso da vendima nunha campaña na que se prevé unha caída de produción pola seca

A tensión hídrica provoca menor peso dos acios, aínda que a calor favorece a prevención de episodios fúnxicos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2022 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O groso da vendima comeza a partir desta fin de semana en Galicia, unha campaña na que se prevé unha diminución de produción respecto dos 73 millóns de quilos de uva de 2021, que foi unha das maiores na serie histórica.

Vendima na Ribeira Sacra.
Vendima na Ribeira Sacra. | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Por parte da denominación de orixe (DO) Rías Baixas, explícase que as previsións que tiñan dunha campaña duns 41 millóns de quilos de uvas "será menor", posto que estiman que haberá redución debido á seca de xullo e agosto.

En calquera caso, a campaña en Rías Baixas, a principal DO de Galicia, vai ser inferior aos 43,8 millóns de quilos de 2021, un ano marca na produción. Agora, espérase a que pasen as choivas desta semana para comezar o bruto da vendima durante os próximos días.

Nesta liña, o presidente de Consello Regulador da denominación de orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares, apunta a "certa diminución cuantitativa no peso dos acios" debido á tensión hídrica das cepas.

"Sobre como se presentaba a colleita en xuño, que era espectacular, si que é certo que estas ondas de calor que padecemos durante todo o verán vanse reflectir un pouco cuantitativamente porque foron moi fortes", reflexiona. Explica que a cepa é un vexetal "que adoita soportar bastante ben a tensión hídrica", pero "todo ten un límite", pois "entra en parada vexetativa e busca auga das reservas, polo que tira das uvas", de forma que os acios terán menor peso.

No Ribeiro recolléronse o ano pasado case 10 millóns de quilos de uvas --unha media de 9,5 millóns no último lustro--. Agora, Casares non entra a facer estimacións numéricas nun contexto de baixada, pois "é impredicible".

"A ver se a auga que está a caer estes días fai que a cepa recupere un pouco", agrega. Aínda que algunhas pequenas adegas xa empezaron coa campaña de forma selectiva, non será ata a partir de agora cando comece "a mecánica real" da vendima no Ribeiro.

Máis aló de Rías Baixas e O Ribeiro, as dúas DO con maior produción en Galicia, preséntanse as estimacións en Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, nos tres casos con diminución respecto de 2021 para quedar ao redor dos 6 millóns de quilos cada unha delas.

O pasado 23 de agosto, a adega Godeval, situada no concello do Barco, na DO de Valdeorras, iniciou a vendima en Galicia, unha das máis temperás da historia.

A vendima do ano pasado pechouse en Valdeorras por enriba dos 7 millóns de quilos, con todo, o director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, explica que este ano quedará, "posiblemente", nuns 6 millóns de quilos.

En Ribeira Sacra, a data oficial está marcada o 15 de setembro para esta campaña --a recollida prolongarase ata outubro--, máis aló de recollidas puntuais nalgunhas adegas. Espéranse ao redor de 6 millóns de quilos de uvas, mentres que en 2021 alcanzáronse os 6,5 millóns de quilos.

O director técnico da DO Monterrei, Miguel López, augura preto de 6 millóns de quilos para esta campaña, lixeiramente por baixo do ano anterior (6,2 millóns). Apunta que entre esta semana e "sobre todo a que vén" arrincarán coa vendima. Unha denominación con preto dunha trintena de adegas polos municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val.

No entanto, as diferentes denominacións de orixe trasladan que a seca deste ano no que si beneficiou é na calidade fitosanitaria "excelente" da uva.

E é que a calor ten efecto na prevención fronte a episodios fúnxicos, que foron máis acusados en pasados exercicios, de forma que se consegue "unha uva moi sa".

Temas: SECA VIñO VENDIMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta