Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2022 | Actualizada ás 19:21
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) eximiu ao Concello de Monforte (Lugo) de tramitar as denuncias formuladas ata febreiro de 2021 pola Policía Local e Nacional a cidadáns que non levaban a máscara en lugares nos que o seu uso era obrigatorio pola crise sanitaria do covid.
No seu fallo, emitido o pasado 29 de xullo e que foi remitido este sábado polo goberno local de Monforte, a sala do xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo dá a razón ao goberno local monfortino no seu recurso contra a resolución da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade en Lugo, que requiría á administración municipal a xestión das denuncias por non empregar máscara.
O uso de máscara fíxose obrigatorio en todo o territorio tras a aprobación dun decreto lei a comezos do mes de xuño de 2020. En outubro dese ano, Sanidade dirixiuse ao Concello de Monforte para instar á administración a asumir a tramitación das denuncias formuladas por Policía Local e Nacional na capital da comarca de Lemos.
Esta orde foi recorrida polo goberno local que encabeza o alcalde e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ao que, agora, a xustiza dá a razón ao entender que, no momento en que foi emitida a resolución de Sanidade, o marco competencial deste tipo de denuncias non recaía nas administracións locais.
Así o recolle a sala do Alto Tribunal galego na súa sentenza, na que sinala que ata a entrada en vigor o 21 de febreiro de 2021 da reforma da Lei galega de Saúde, as entidades locais non tiñan "expresamente recoñecida" a competencia de xestionar este tipo de sancións vinculadas á saúde pública.
"Do anterior réxime xurídico non podemos máis que concluír que a competencia sancionadora do concello, a día dos feitos, limítase ás infraccións previstas nas súas ordenanzas municipais e dentro da área de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitaria", sinala o maxistrado.
Contra o fallo da sala do Contencioso Administrativo cabe a presentación dun recurso de apelación ante o TSXG nun prazo de 15 días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.