A Xunta di que aumentou o profesorado e a oposición acúsaa de "agochar" os recortes no ensino

A oposición reclama a Educación que desagregue os datos por curso, xa que consideran que se producen recortes nas primeiras etapas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/09/2022 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A Xunta asegura que o sistema educativo galego conta para este curso cun total de 30.534 docentes, 11 máis que os rexistrados o ano anterior e 500 por encima do último curso prepandemia. Así o dixo este martes no Pleno do Parlamento o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que clarificou a cifra estrutural de docentes que impartirán clases nas aulas galegas, tras semanas de acusacións por parte de sindicatos e oposición respecto de recortes neste ámbito.

No entanto, estes datos foron criticados polos grupos da oposición, que instaron o conselleiro a dar as cifras desagregadas por cursos. En opinión do BNG e do PSdeG, o número total esconde recortes nos primeiros niveis, os que "concentran á maioría do alumnado", mentres que se incrementan en FP --nivel no que tamén sobe a matrícula--.

O conselleiro, que cualificou de "absolutamente falsos" os datos de recortes, admitiu que en FP e Bacharelato hai máis profesores, "porque hai máis alumnos", e non desagregou todas as cifras, dixo, porque aínda non están pechadas, dado que a matrícula en FP permanece aberta ata o día 23. A Xunta, informou o conselleiro na súa comparecencia, mantén a estrutura dos colexios --con 130 aulas máis de infantil e primaria que antes da pandemia a pesar do descenso de 15.000 alumnos-- e a dotación de "todo o profesorado para atender o 100 por cen das necesidades".

En canto aos cambios, Román Rodríguez apuntou que, por "falta de matrículas" non abriron as súas portas dous centros, un en Fene --con 3 matrículas-- e outro en Merza, en Vila de Cruces, onde non houbo ningunha matrícula. Ademais, integráronse dúas escolas infantís, unha en Marín e outra en Vilagarcía. O conselleiro apuntou que o 99,7% do alumnado de infantil e primaria conta cun servizo educativo no concello no que vive e que o 99% das familias teñen praza no centro de primeira opción.

DATOS POR CURSOS

Os grupos da oposición mantiveron a súa acusación á Xunta de recorte de profesorado e reclamaron ao conselleiro que proporcione os datos de profesores desagregados por curso, alegando que "os recortes se concentran nos niveis nos que está a maioría do alumnado".

"Que nos desagregue o dato. Coa mesma data, que nos dea unha evolución por niveis educativos, xa que os recortes están a cebarse nos niveis onde está a maioría do alumnado", dixo o deputado do BNG Manuel Lourenzo, que apuntou que na adxudicación de destinos provisionais que a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia este ano "hai máis de 700 profesores menos" que no mesmo documento do ano anterior.

Do mesmo xeito, asegurou, os datos proporcionados polo conselleiro implican que hai "case 1.000 profesores menos que en 2009, con case 20.000 alumnos máis no sistema educativo", tomando como fonte os datos de Instituto Galego de Estatística (IGE). "Cargáronse nunha década un de cada nove profesores", asegurou.

Pola súa banda, a deputada socialista Noelia Otero dixo ao conselleiro que esta non é "unha polémica inventada", se non "unha situación preocupante" derivada de que "a consellería está instalada na máis absoluta falta de transparencia", dixo. Tras mencionar tamén as 700 prazas menos que figuran na adxudicación de destinos provisionais, Otero preguntou ao conselleiro se está "a acusar os centros de inventar os datos" e afeoulle que "desacredite as demandas" do persoal docente tras dous anos nos que este colectivo atravesou "o peor momento histórico da súa profesión".

Pola súa banda, na súa quenda de intervención, o deputado popular Ovidio Rodeiro aplaudiu os datos da Xunta e indicou que "a realidade é moi clara" e que Educación, este curso, "lonxe de reducir os profesores, increméntaos". "Se dalgún lado está a Xunta é do profesorado e da comunidade educativa", sinalou Rodeiro. 

Fotos Xunta/Educación/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta/Educación/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press

Sobre esta cifra dada pola oposición, o conselleiro de Educación explicou que, "efectivamente", este ano hai "un chamamento de adxudicación de destino provisional menor que o curso anterior" dado que "hai menos interinos" e máis profesorado con praza consolidada tras a oferta de emprego deste ano. Román Rodríguez explicou que a taxa de interinidade en Galicia é do 8%, fronte ao 25% de media nacional, e camiña cara ao 6% o próximo ano.

Así mesmo, o conselleiro admitiu que este ano hai "menos profesores que no curso da pandemia" polo cambio nas necesidades. "Aquí e en toda España", dixo Román Rodríguez, que apuntou que ese incremento foi unha medida "excepcional" para atander os protocolos dun ano determinado. "Non se pode comparar o excepcional co normal", dixo.

UN ARRANQUE "DIFERENTE" PERO CON NORMALIDADE

O conselleiro arrincou a súa intervención destacando a normalidade no inicio do curso e agradecendo o seu esforzo a alumnado e comunidade educativa. Trátase, lembrou, dun arranque "diferente", marcado pola eliminación das medidas contra a covid, o inicio simultáneo de todos os niveis e a implantación da Lomloe, á que volveu a criticar polos desaxustes xerados e que considerou unha "mala lei".

Tamén cobra protagonismo este ano a inflación e os problemas económicos das familias. Ante iso, o responsable de Educación explicou que a Xunta mobilizou 107 millóns de euros para reforzar o apoio ás familias, con 25,6 millóns --case o 50% máis-- para axudas a libros e material escolar, 50 millóns en axudas a comedores e as taxas universitarias conxeladas durante 12 anos. A isto súmanse 117 millóns para transporte escolar gratuíto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta