Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2022 | Actualizada ás 15:17
O cónsul de Filipinas en España, Eric P. Valenzuela, accedeu a recibir este martes 20 de setembro á nai de Diego Bello e presidenta da asociación 'Xustiza para Diego', que esta semana pedía ser recibida polo representante filipino para entregarlle unha queixa formal na que denuncian a "tardanza" na detención dos tres policías acusados de asasinar ao mozo coruñés en xaneiro de 2020.
A nai de Diego, Pilar Lafuente, reunirase con Valenzuela ás 12,30 horas na embaixada, en Madrid, tal e como confirmou a propia familia. Amigos e familiares, así como representantes de diversos grupos políticos e asociacións concentraranse ás portas da embaixada para apoiar a petición da presidenta da asociación.
"ENCUBRIMENTO CLARO"
Presentarán unha queixa formal pola dilación da policía filipina na entrega á xustiza do tres axentes acusados de asasinar ao mozo coruñés. E é que, tal e como lembran, fai seis meses que un xulgado de Surigao do norte --rexión á que pertence a illa de Siargao, onde Diego foi asasinado--, ordenou a detención do Maior Vicente Panuelos e os sarxentos, Niño Boy Esmeralda e Ronez Azarcón.
Os policías continúan en paradoiro descoñecido "a pesar da gravidade das acusacións que pesan contra eles", xa que lles imputan tamén un delito de falsificación de probas por acusar ao coruñés de traficar con drogas e disparar aos axentes.
Esta orde baseouse nas investigacións do National Boreau of Investigation -similar á Fiscalía española-- que, en base á autopsia, probas documentais e testemuños, considerou "inverosímil" a versión ofrecida polos agora acusados o asasinato.
Ante isto, a asociación entende que a Policía filipina "está a encubrir claramente" aos axentes, "desobedecendo un mandato xudicial e tentando entorpecer a acción da xustiza".
Avanzan ademais que pedirán ao Goberno español que faga cumprir o acordo unánime da Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso que en novembro de 2020 acordou pedir a Filipinas o esclarecemento dos feitos, solicitando ademais que se impedise a fuxida dos culpables.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.