Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2022 | Actualizada ás 16:16
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentará a nova guía de boas prácticas para a liberación de contidos e software o próximo 20 de setembro, nun acto público e aberto que terá lugar no GaiasTehc.
Tal e como explican nun comunicado, en 2014 a Xunta presentou dous guías de boas prácticas para a liberación de contidos. "Esta iniciativa foi pioneira no seu momento, como aposta pola difusión e fomento do software libre por parte dunha Administración pública", destacan.
Detallan ademais que a nova guía que se presenta foi creada pensando non tanto para o seu uso interno, como para o público en xeral. É por isto que lla deu un estilo máis didáctico, "tratando de achegar os contidos dunha forma e cunha linguaxe máis cotiá".
Indican ademais que a creación deste tipo de guías atendía a unha necesidade detectada: "a de poder contar con documentación en galego sobre os aspectos a ter en conta para publicar contidos baixo licenzas libres, e tamén sobre o proceso de publicar un proxecto software como software libre".
A guía comeza cunha introdución á propiedade intelectual e as normativas que a regulan. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no campo do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas.
Tamén aborda os pasos a seguir e os aspectos a ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.