Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 21/09/2022 | Actualizada ás 09:00
A Ruta do Viño de Valdeorras, entidade que dinamiza turisticamente a comarca a través do seu potencial vitivinícola, organizará un foro para poñer sobre a mesa a importancia de dar a coñecer máis e mellor o territorio promovendo tamén o Camiño de Inverno.
En palabras do seu presidente, Joaquín Sánchez, a intención destas xornadas é "dar a coñecer a contorna de Valdeorras e a súa paisaxe, e achegarnos á súa historia a través do mundo do viño e empregando o Camiño de Inverno como elemento vertebrador das actividades que se levarán a cabo".
Na rolda de presentación do que será o "I Foro de Inverno por Valdeorras: Camiño, paisaxe e viño nas terras do Sil", estiveron presentes tamén o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.
ENFOQUE E DESENVOLVEMENTO DAS XORNADAS
As xornadas van dirixidas principalmente a profesionais do mundo do viño: empresarios e empresarias do sector turístico e representantes de entidades de promoción turística, pero tamén a traballadores/as do sector turístico en xeral.
Desenvolveranse a través de dúas sesións-taller independentes. A primeira será o 8 de outubro na CAsa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, e a segunda o 15 do mesmo mes no Centro Cultural Avenida da Rúa. O seminario do Barco levará por título 'Enoturismo no Camiño de Inverno por Valdeorras' e a da Rúa, 'Viño, tradición e historia no Camiño de Inverno por Valdeorras'.
As xornadas contará con sesións matutinas, nas que haberá relatorios de estudosas/os da historia, a cultura e o mundo do viño, e actividades complementarias con saídas de campo pola tarde para coñecer o territorio.
O POTENCIAL DO CAMIÑO DE INVERNO
Joaquín Sánchez salientou a importancia de potenciar o Camiño de Inverno, "uha ruta aínda descoñecida polo gran público e que constitúe un xeito extraordinario de fomentar a chegada de visitantes á nosa comarca".
Pola súa banda, o presidente do CRDO Valdeorras indicou que "temos un gran recurso turístico na comarca que non está suficientemente explotado a día de hoxe: o Camiño de Inverno. Cómpre traballar para poñelo en valor como se merece".
INSCRICIÓNS
Para participar no "I Foro de Inverno por Valdeorras: Camiño, paisaxe e viño nas terras do Sil" cómpre inscribirse a través da páxina web da Ruta do Viño de Valdeorras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.