Por Europa Press / Redacción | Compostela | 23/09/2022 | Actualizada ás 14:02
A compañía enerxética Endesa e a multinacional chinesa Sentury Tire alcanzaron un acordo para a instalación no municipio coruñés das Pontes dunha planta de produción de pneumáticos que suporá, segundo os seus promotores, un investimento de 447 millóns e a creación de 750 empregos directos.
O pacto entre a enerxética e a compañía chinesa chega tras a resolución do Ministerio de Transición Ecolóxica para o peche da central das Pontes, que se producirá primeiro para dous grupos xeradores e en diferido para os dous restantes.
Deste xeito, Endesa cederá 26 hectáreas para levantar a planta e comprométese a investir 229 millóns de euros para desenvolver as infraestruturas de abastecemento de enerxía para a factoría, que aspira a converterse nunha "fábrica intelixente", segundo apunta a propia empresa nun comunicado difundido este venres.
Esta enerxía procederá dos novos parques eólicos que Endesa proxecta na comarca das Pontes e que se atopan en fase de tramitación. En total, estes proxectos suman 191 megawatios e prevén un investimento de 229 millóns a través de Enel Green Power, filial de Endesa.
O produtor asiático, pola súa banda, plenea levantar nas Pontes unha factoría "no que todos os procesos serán automatizados, informatizados, intelixentes e dixitais", que incluirá, ademais, "un centro superior de investigación e desenvolvemento dentro da superficie edificada, que superará as 12 hectáreas".
O horizonte temporal para a construción da planta sitúase nos 36 meses e se estiam que, unha vez en marcha, produciranse nas Pontes 12 millóns de pneumáticos que, principalmente, terminarán no mercado norteamericano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.