Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 15:22
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, abre hoxe o prazo de inscrición para a sexta edición dos seus premios.
As bases que rexen esta nova convocatoria, os seus obxectivos, os datos de participación da última edición e o xurado que decidirá os galardóns en xaneiro foron as novidades que se anunciaron hoxe en Pontevedra nunha rolda na que participaron o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello Pontevedra, Alberto Oubiña; a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamaría, e a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda. Do Concello de Ames acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e maila técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
“Esta iniciativa, que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, ten como meta consolidar e ensanchar a comunidade creadora na nosa lingua na Rede”, sinalou Oubiña, antes de engadir que os obxectivos para esta sexta edición pasan por reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización e poñer en valor a súa figura, como tamén fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube ou a visibilizar a creación no Youtube na nosa lingua.
Quiroga, pola súa banda, centrou a súa intervención en esmiuzar as novidades das bases deste ano. Nese sentido, aproveitou a ocasión tamén para celebrar o “compromiso inequívoco coa lingua” das 12 institucións organizadoras. Tras este recoñecemento, lembrou que os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público.
NOVA CATEGORÍA
É precisamente nas categorías onde se produce unha das primeiras novidades deste ano, xa que aparece por vez primeira o apartado de youtubeira/o revelación. Ademais, modifícanse as contías dos premios en metálico. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público ao que se reservan 500 euros. Muíño, ademais, lembrou que este ano volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.