Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 14:28
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, atribuíu "ignorancia ou mala fe" á petición feita pola Xunta ao Concello da cidade herculina de que axilice os trámites pendentes para iniciar "canto antes" a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía.
Rey lembrou que "se vai a asinar" un convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e o local para que "vaia cara adiante" esta actuación. "Será unha das cuestións que tratarei na reunión co presidente que teño o próximo día 4", anunciou, en alusión ao encontro previsto para a próxima semana entre a rexedora e o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda.
A alcaldesa fixo estas manifestacións tras informar os asuntos aprobados na Xunta de Goberno local a preguntas dos xornalistas sobre as declaracións do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha reunión mantida este mércores con representantes da Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra.
Durante o encontro, Trenor insistiu en que a Xunta conta nos orzamentos deste ano "cun millón de euros" para este centro de saúde e denunciou que por parte do Concello non se produciu "ningún avance desde o pasado mes de xuño", data na que tivo lugar a última reunión entre os técnicos do Consistorio e do Goberno autonómico.
Neste sentido, Inés Rey destacou que foi o Goberno municipal quen "deu os pasos para desbloquear o centro de saúde de Santa Lucía e a reforma do mercado". "Estivemos moito tempo esperando pola Xunta porque como había unha pandemia non lle deron prioridade á creación deste centro de saúde", engadiu.
OUTROS ASUNTOS
Por outra banda, Inés Rei anunciou que na Xunta de Goberno adxudicáronse as obras para o acondicionamento das naves de Metrosidero que terán unha duración de 19 semanas e un orzamento de 559.000 euros.
Destacou ademais a aprobación do proceso de licitación do proxecto para a construción dun 'skate park' e unha pista multideporte no barrio de Catro Camiños, baixo o viaduto da avenida Alfonso Molina, cun investimento de 450.000 euros e un prazo de execución de catro meses.
Así mesmo, informou sobre a compra por valor de máis dun millón de euros dun lote de subministracións de sistemas de medición da velocidade do tráfico para obter maior información sobre a circulación en tempo real.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.