Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/10/2022 | Actualizada ás 15:40
A Xunta duplicará as deducións ás familias numerosas na declaración do IRPF para o ano 2023, co que pasará de 250 a 500 euros para os núcleos con tres fillos e aumentará en 250 euros a partir do terceiro. Anunciouno o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participou este sábado no XIII Congreso de Familias Numerosas que se celebrou en Santiago de Compostela. Con esta medida, apuntou, pódense alcanzar ata os 1.000 euros para familias con cinco fillos.
Con esta medida, sinalou, pretenden "seguir á beira dos fogares para que Galicia se manteña como o mellor sitio para vivir en familia". Conde tamén lembrou algunhas xa en marcha como as reducións ou exencións no pago de taxas educativas, as bonificacións en medios de transporte, as axudas para o servizo de comedor escolar, os apoios para a redución de xornada, a tarxeta Benvida, a dedución de ata o 100% no imposto de Transmisións patrimoniais, o carné familiar, os descontos para familias numerosas nas autoestradas de titularidade autonómica ou a gratuidade das escolas infantís.
Á inauguración do Congreso, baixo o lema 'Presente e futuro', acudiron outras autoridades como o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xeral de Diversidade Familiar do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030; o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Federación Española de Familias Numerosas (FEFN), José Manuel Trigo; e o presidente da Asociación Galega de Famlias Numerosas (Agafan), Luís Sánchez.
CRISE DEMOGRÁFICA
Os responsables das asociacións autonómica e estatal coincidiron en valorar positivamente os compromisos de Galicia e o Estado coas familias numerosas, coas distintas medidas no seu favor que se puxeron en marcha, pero solicitaron que se manteña ese compromiso e mesmo se incremente, dada a crise demográfica, "un dos maiores desafíos".
Fixeron tamén referencia á importancia de defender a conciliación laboral e "adaptar o traballo aos ritmos da vida familiar, que é onde se forman as persoas do futuro", así como dos dereitos sociais. "A maternidade segue sendo un motivo claro de discriminación da muller, vistas as dificultades de conciliación ás que se enfrontan os pais e nais", comentou Trigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.