Os paxaros máis fermosos exhibirán a súa beleza esta fin de semana nun concurso en Pontevedra

O evento está organizado pola Asociación Ornitolóxica Cultural e Deportiva de Pontevedra en colaboración co COncello.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

Os paxaros máis fermosos exhibirán as súas cores e beleza no VI Concurso Exposición Ornitolóxico que se celebrará esta fin de semana no Centro Cultural de Monte Porreiro, en Pontevedra. O evento, organizado pola Asociación Ornitolóxica Cultural e Deportiva de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dará comezo na tarde do venres, 21 de outubro, coa recepción de exemplares (de 17:00 a 21:00 horas).  

Agaporni
Agaporni | Fonte: wikipedia

Na mañá do sábado terá lugar o enxuizamento das aves presentadas polas persoas participantes (de 9:00 a 14:00 horas), e a mostra abrirase ao público tanto o sábado pola tarde (de 17:30 a 20:30 horas) como o domingo 23 pola mañá (de 10:00 a 12:00 horas, con clausura e entrega de exemplares ás 12:30 horas).

Un xurado calificador composto por xuíces pertencentes á Federación Ornitolóxica Cultural e Deportiva Española (Focde) e xuíces internacionais portugueses será o encargado de emitir as súas valoracións en tres categorías diferentes: Cor (Rafa Costas, Luís Viana e Adam Suárez García), Postura (Francisco Javier Moreira e José Cardoso) e Psitácidos (Carlos Macedo).

Tal e como explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, "a calificación que emitan os xuíces será inapelable e haberá premios para aqueles exemplares que superen un mínimo de puntos (90 para optar ao primeiro, 89 para o segundo e 88 para o terceiro)".

"Á marxe de que a ornitoloxía sexa un verdadeiro universo cun montón de seguidores, esta mostra é desa clase de actividades das que pode desfrutar público de todas idades e que non necesariamente saiba demasiado sobre estes animais. Animo a todo o mundo a achegarse ata Monte Porreiro para gozar coa fermosura e singularidade dalgúns destes exemplares", avanza Iván Puentes.

Entre as especies que concursan inclúense diversos tipos de agapornis, cacatúas, gloster, arlequíns, ágatas, isabelas ou lipocromos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta