Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 13:34
O BNG denunciou o "escaso investimento" para a comarca das Mariñas que expón o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para o 2023 e fixaron como prioritario a mellora da seguridade viaria e as infraestruturas e servizos ferroviarios, como a construción do 'bypass' en Betanzos e a implantación do servizo de proximidade.
"Hai que superar o déficit histórico que se produce especialmente en infraestruturas, sobre todo ferroviarias, e de servizos en Galicia. Proxectos como a construción do 'bypass' de Betanzos son obras demandadas durante décadas que permitirían reducir o traxecto A Coruña-Betanzos-Ferrol", subliñou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Segundo explicou nun comunicado, a formación nacionalista criticou que nun contexto no que o investimento territorializado "sobe na maioría dos territorios, en Galicia se estanca e non son establecidas nos orzamentos partidas suficientes para terminar proxectos fundamentais para a comunidade galega".
Ademais, incidiron en que "non é só que non se consignen partidas suficientes, senón que as poucas orzamentadas non son executadas". "Sabemos que o grao de execución na maioría das obras previstas é moi baixo. En 2021 só se executou o 67% do orzamentado para Galicia, é dicir, un de cada tres euros non foi executado. Pola contra, en Madrid executouse o 184%, case o dobre do primeiramente previsto", explicou Rego.
Desta forma exemplificou como proba diso, as infraestruturas fundamentais para as comarcas da Coruña, Ferrol e das Mariñas, pero tamén para o conxunto de Galicia, como é a construción do 'bypass' ferroviario de Betanzos.
PUNTOS NEGROS DA N-6
Noutra orde de cousas, o BNG demandou que o PGE para o 2023 "tampouco contemplan investimentos suficientes para mellorar a seguridade viaria, a iniciar pola N-6 ao seu paso polos concellos de Coirós, Bergondo, Aranga e Betanzos".
"Existen varios puntos negros que necesitan da mirada e da actuación do executivo estatal. En moitos casos, o proxecto xa está terminado e só necesitarían partidas específicas para a súa execución", lembrou Rego.
REXENERACIÓN E SANEAMENTO DAS RÍAS
Tamén, a formación fixo referencia á rexeneración das rías, que máis aló da adxudicación para a limpeza da do Burgo, "non existen partidas que favorezan solucionar o problema de saneamento do resto das rías". "Isto supón, con maior ou menor gravidade, limitar a capacidade produtiva das rías que podería ser 10 veces superior" subliñou o deputado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.