Máis dunha decena de editoriais galegas participan na Feira do Libro de Frankfurt

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Un total de 13 editoriais galegas participarán na Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña), que se celebra desde este mércores e ata o 23 de outubro, con España como país invitado.

En concreto, a Consellería de Cultura pon a disposición dos profesionais galegos unha caseta no que exhibirán as últimas novidades para o público e realizaranse reunións profesionais con axentes procedentes de diversos países do mundo.

As editoras presentes este ano en Frankfurt son Almacén de Fábulas, Editorial Bululú, Catro Ventos, Demo Editorial, Dos Acordes, Doutor Alverio Editora, Edicións Fervenza, Lúdica, Medulia, OQO Editora, Small Station e Teófilo Edicións.

No espazo institucional, de 24 metros cadrados, promoveranse tamén as últimas novidades. Estarán dispoñibles 258 títulos de diferentes editoriais e do fondo editorial da Xunta, ao tempo que se mostrará información sobre o traballo dos profesionais galegos da tradución literaria, integrados na Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).

Tamén estará dispoñible o catálogo dos autores con obra traducida ao inglés no portal 'Pórtico of Galician Literature', así como información sobre os sistemas de apoio á ilustración e aos ilustradores que realiza a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

A presenza de Galicia en Frankfurt enmárcase na estratexia de internacionalización do libro e a literatura galega da Xunta que inclúe, entre as súas accións, a participación activa nas feiras nacionais e internacionais do sector editorial. Na programación deste ano tamén está prevista a participación na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (Mexico), do 26 de novembro ao 4 de decembro, que se suma ao apoio da presenza galega que o Goberno galego realizou nas feiras de Boloña (21 a 24 de marzo), Buenos Aires (26 de abril a 16 de maio) e Liber de Barcelona (5 a 7 de outubro).

Caseta de Galicia na Feira Internacional de Frankfurt. XUNTA DE GALICIA
Caseta de Galicia na Feira Internacional de Frankfurt. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta