Por Europa Press / Redacción | BILBAO | 20/10/2022 | Actualizada ás 17:24
A eurodeputada do PNV, Izaskun Bilbao, solicitou este xoves ao comisario europeo de Pesca, Virjinijius Sinkevicius, que elimine as restricións adoptadas sobre 81 zonas do Atlántico nas que faenan centenares de embarcacións europeas dedicadas a distintas artes de pesca de fondo como o arrastre ou o palangre.
Izaskun Bilbao considera que a decisión "se basea máis en prexuízos contra o sector pesqueiro, que en estudos de impacto ou datos científicos actualizados", polo que animou ao equipo de Virjinijius Sinkevicius a "escoitar a un sector que merece máis palabras de apoio polo seu esforzo para conservar os recursos mariños, que imposicións como esta decisión que podería abocar a tantos barcos ao despezamento".
O Parlamento Europeo albergou esta mañá un debate sobre a controvertida decisión da Comisión Europea de vedar o acceso a 81 zonas de pesca situadas no Atlántico a máis dun centenar de barcos que faenaban nesas zonas.
Os afectados consideran que a decisión "non se basea nos últimos datos científicos dispoñibles, non mediu o impacto socio económico sobre o sector, non discrimina entre as distintas artes de fondo (palangre, enmalle ou arrastre) e é sumamente imprecisa na delimitación das zonas vedadas", segundo indicaron desde o PNV.
A propia Comisión, segundo apuntaron os jeltzales, "tivo que aclarar nas últimas semanas o alcance da súa decisión ao detectarse diferenzas entre o calado real das zonas acoutadas e as profundidades (máis de 400 metros) nas que se aplica a medida. Finalmente, os profesionais do mar quéixanse dunha moi deficiente interlocución cos afectados antes de tomar a decisión".
Desde o PNV advertiron de que os profesionais afectados "temen a inseguridade xurídica que emana da decisión, pois seguen sen estar claras as zonas afectadas o que pode dar lugar a distintas formas de aplicación".
Tamén prognostican "conflitos e risco de sobre explotación noutras zonas do Atlántico, pois moitos barcos veranse obrigados a desprazarse dos seus actuais caladoiros a outros nos que pugnarán polos recursos existentes con barcos xa asentados alí", engadiu.
Finalmente, dixo o PNV, descoñécese se hai previsións para axudar aos barcos que teñan que cesar a súa actividade por mor desta decisión e algúns estados e organizacións profesionais pesqueiras anuncian xa recursos contra este regulamento de execución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.