Carballeda de Valdeorras rexistra ventos de case 130 km/h

As precipitacións máis abundantes caeron na Costa da Morte e no interior da provincia da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2022 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

Carballeda de Valdeorras rexistrou na tarde deste sábado ventos de case 130 quilómetros por hora, os valores máis altos desta xornada de alerta por ventos e choivas en Galicia. De feito, as precipitacións máis abundantes caeron na Costa da Morte e no interior da provincia da Coruña.

En concreto, segundo os valores máximos ofrecidos pola web de Meteogalicia, a estación meteorolóxica de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, notificou refachos de 129,1 km/h ás 16,20 horas. O segundo valor máis alto, a bastante distancia, rexistrárono os medidores de Castro Vicaludo, en Oia, con 112,9 km/h ás 13,00 do mediodía. O terceiro foi en Vimianzo, na estación da Gándara, con refachos de 108,8 km/h ás 11,50 horas.

Isto demostra que os fortes ventos afectaron este sábado practicamente toda a xeografía galega. De feito, tamén houbo valores por encima do 100 km/h na Veiga, Muras, A Pontenova e Carnota. En canto ás precipitacións caídas ao longo do día, os valores máximos recaeron en estacións de Meteogalicia situadas na provincia da Coruña, singularmente na Costa da Morte e en comarcas do interior.

Así, a estación de Coto Muíño, en Zas, contabiliza 60,1 litros por metro cadrado de auga ata as case 20,00 da tarde. Os seguintes valores máis altos están en Cespón (Boiro), con 45,6 l/m2; en Lesende (Lousame), con 44,8 l/m2; en Fontecada (Santa Comba), con 42 l/m2; e en Paramos (Val do Dubra), con 41,6 l/m2.

Varios peregrinos realizan o Camiño de Santiago, a pesar do temporal, na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro, a 20 de outubro de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España). A borrasca Armand é a primeira de gran impacto da tempada que a. Gustavo da Paz - Europa Press
Varios peregrinos realizan o Camiño de Santiago, a pesar do temporal, na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro, a 20 de outubro de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España). A borrasca Armand é a primeira de gran impacto da tempada que a. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta