Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2022 | Actualizada ás 18:46
A revolución verde e azul comeza a estenderse polas rúas da cidade de Pontevedra a través dunha exposición itinerante posta en marcha pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para dar a coñecer aos pontevedreses as “ambiciosas actuacións” de renaturalización e loita contra os efectos do cambio climático contemplados na estratexia Pontevedra Flúe. Unha mostra, que terá como localización inaugural a Ponte do Burgo.
A exposición foi presentada esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nun acto no que estivo acompañado pola edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco. "Hoxe -sinalou o edil do PSOE- inauguramos unha exposición na que se explican dun xeito moito máis detallado cada un deses 20 proxectos. Quedará instalada durante un tempo nesta ponte do Burgo e pretende expoñer que é o que queremos facer en cada zona da cidade”.
A exposición tamén busca que os cidadáns saiban o por que de cada actuación xa que “van axudar a ter Pontevedra máis preparada para loitar contra os efectos do cambio climático e, en particular, das inundacións", explica o edil.
Por este motivo, entre as imaxes desta exposición inclúese unha montaxe fotográfica que ilustra ese risco real de inundación que, no caso de non facer nada ao respecto, ten Pontevedra segundo os datos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente, non dentro de 100 anos, senón dentro de 20 ou 25 anos. O concelleiro do PSOE convidou á xente a que se achegue a coñece, a ler con tempo cada un dos paneis e a tomar conciencia das actuacións reflexadas na exposición.
A exposición ten unha vocación itinerante e de permanencia, polo que, tras este punto inicial da Ponte do Burgo, irá rotando por distintos puntos do concello e se organizarán diversas actividades vencelladas a ela, fundamentalmente visitas de colectivos sociais e escolares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.