Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2022 | Actualizada ás 18:58
A homologación oficial do Camiño dos Faros volveu este martes ao Parlamento de Galicia, onde a directora de Turismo, Nava Castro, exculpou á Xunta da responsabilidade no atraso deste proceso, alegando que "é complicado" formalizalo "se concellos e asociación --promotora-- teñen criterios diferentes" en canto ao propio percorrido.
Nava Castro respondeu a unha pregunta formulada en Comisión polo deputado socialista Martín Seco, que cuestionaba á representante da Administración sobre o atraso na homologación oficial desta senda como Ruta de Gran Percorrido.
Na súa resposta, Castro remitiuse a outras respostas que deu en sede parlamentaria sobre a mesma cuestión, indicando que a Xunta "non ten competencias para homologar" o percorrido, algo que compete á Asociación Galega de Montañismo.
A senda, explicou a directora, "non se pode homologar tal e como está configurada actualmente", dado que a Asociación de Montañismo sinalou a existencia de problemas, principalmente no ámbito da seguridade da ruta, así como a relación a permisos para cruzar leiras privadas.
Fronte a isto, dixo Nava Castro, a entidade promotora "non está disposta a asumir os requisitos" da Asociación Galega de Montañismo, unha disparidade que, asegurou, dáse tamén entre os concellos implicados.
Dos municipios consultados para elaborar un percorrido acorde coas esixencias, dixo Nava Castro, "nove presentaron alternativas", tres están pendentes de presentalas e un, Ponteceso, "negouse a facer unha proposta". "É complicado propor un trazado consensuado cando os propios concellos e a asociación teñen criterios e intereses diferentes e excluíntes", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.