Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/10/2022 | Actualizada ás 14:00
O Camiño de Santiago é tamén son, un crisol de sonoridades e natureza diversas, naturais e artificiais, que se mesturan para poñer banda sonora orixinal á aventura xacobea. Os sons do Camiño, efémeros e mutantes, son agora parte do patrimonio da ruta desde que as profesoras María Celia Adrián Rodríguez e Elena de Uña Álvarez recolleron para a súa conservación a paisaxe sonora da Ruta Xacobea.
Estas investigadoras do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), da Facultade de Historia de la Universidade de Vigo, botáronse ao Camiño no ano 2020, en plena pandemia de covid-19, para escoitar e gravar os sons ambientais da Vía da Prata, unha das nove variantes do itinerario a Santiago de Compostela e que comeza en Sevilla, cun tramo de 191 quilómetros en territorio galego.
“No discurso patrimonial sobre os valores inmateriais do Camiño de Santiago falta a comprensión da sonoridade"
Por que este estudo sonoro? Como explican, até agora, “a sonoridade ambiental, relacionada co ver, escoitar e camiñar por un camiño, apenas se contemplaba no primeiro Itinerario Cultural Europeo, o Camiño de Santiago”.
“No discurso patrimonial sobre os valores inmateriais do Camiño de Santiago falta a comprensión da sonoridade. O coñecemento da sonoridade ambiental do Camiño contribúe á comprensión contextual da experiencia inmaterial de percorrer o Camiño”, engaden.
Por iso, decidiron recoller e analizar a sonoridade dunha das rutas do Camiño, a da Prata, para “definir varios ambientes sonoros configurados polas fontes sonoras, as propiedades acústicas e a cultura do territorio”, explican.
Eiquí xorde a idea da sonoridade ambiental do Camiño como outro patrimonio máis deste, xa que “a integración da sonoridade ambiental nunha peza musical facilita o fomento do coñecemento e a toma de conciencia do patrimonio sonoro, xunto cunha valoración implícita do mesmo”, defenden.
De feito, para elas, “o espectro audible, provisto de poder emocional e evocador, ten un papel importante na definición do patrimonio cultural do presente ao futuro”.
Pero non só iso. No contexto da covid-19, cren que o arquivo sonoro do Camiño “é especialmente relevante en situacións de confinamento”, xa que permite desde o encerro outra forma de percorrer o Camiño sen písalo fisicamente.
De aí o título do seu traballo: ‘Exploring sonority embedded in cultural heritage: Path, transit and listen through the Silver Route’. En galego: ‘Explorando a sonoridade incrustada no patrimonio cultural: Camiño, tránsito e escoita pola Vía da Prata’.
A idea da paisaxe sonora como patrimonio inmaterial está recollida e defendida pola propia UNESCO, que, como lembran estas investigadoras, “incorporou a sonoridade no discurso patrimonial”. “A UNESCO define o valor do son como unha multitude de dimensións relacionadas co benestar dos humanos. A promoción do ano 2020 como Ano Internacional do Son pola Comisión Internacional de Acústica (celebrado en 2020-2021 debido á pandemia de Covid-19) introduce o significado dun patrimonio tal e como se vive ou na memoria”, aportan estas expertas.
"A UNESCO incorporou a sonoridade no discurso patrimonial e define o valor do son como unha multitude de dimensións relacionadas co benestar dos humanos"
Para Adrián Rodríguez e De Uña Álvarez non hai dúbida de que os sons forman parte do patrimonio do Camiño, das súas esencias. Pero, como din, “desafortunadamente, unha parte desas esencias, é dicir, os sons incrustados, só raramente se consideran a pesar do crecente interese polos sons como tema de investigación”.
Así, lembran que se ben “algúns artistas compuxeron pezas sonoras, utilizando gravacións realizadas in situ ao longo do Camiño (p. ex. o CD de Edu Comelles titulado Camino. Primera Parte, 2012), apenas existen estudos centrados na súa sonoridade ambiental para promover os valores do patrimonio cultural”.
A SONORIDADE DO CAMIÑO, UN "CÓDIGO CULTURAL"
Este estudo da sonoridade que fixeron “proporciona unha aproximación integrada ao patrimonio inmaterial ligado a multitude de aspectos sensoriais (por exemplo, audición, vista, sensacións táctiles na cara e nos pés) que constitúen unha experiencia patrimonial inmaterial, a maioría delas entendidas a través de medios reproducibles ou paisaxes sonoras”, describen.
Para elas, a sonoridade do Camiño de Santiago debe verse como un “código cultural. Por iso exploraron esa sonoridade, para caracterizala e interpretala, e integrala como patrimonio inmaterial, creando instrumentos para trasladar esta sonoridade mediante un paseo sonoro e unha peza musical.
“Este traballo destaca a importante relación entre o son e o lugar a través dun rexistro e análise dos distintos lugares que teñen valores acústicos singulares ao longo da Vía da Prata. Os resultados proporcionan unha secuencia ilustrada das gravacións sonoras e unha peza musical que tamén permite que as persoas con discapacidade funcional melloren a súa experiencia”, comentan.
E por que a Vía da Prata? “Esta variante foi seleccionada polo seu papel fundamental na promoción do patrimonio cultural para o desenvolvemento das zonas do interior menos favorecidas de Galicia”, argúen.
GRAVACIÓNS
Para as gravacións elixiron medios naturais nos que a actividade humana era escasa ou nula, ademais de espazos rurais con actividade humana importante. Eses lugares inclúen bosques, fontes, ermidas, pazos, prazas e a catedral de Santiago.
O traballo de campo realizouse o 1 de setembro de 2018, ao longo do camiño que vai dende Ourense ata Santiago de Compostela. E paralelamente ás gravacións sonoras, tomáronse imaxes dos lugares.
"A Vía da Prata foi seleccionada polo seu papel fundamental na promoción do patrimonio cultural para o desenvolvemento das zonas do interior menos favorecidas de Galicia”
Unha vez rexistrados os sons, analizáronos e clasificáronos en función dunhas variables: orixe do son, natural, biótica ou humana (xeofonía, biofonía, antropofonía); a súa intensidade e volume, de baixo a alto (piano, mezzopiano, mezzoforte, forte); a frecuencia e a altura do espectro sonoro (frecuencias medidas en Hz); e a duración e o timbre (elementos ou voces).
Ademais, a análise da sonoridade englobou a súa natureza (estática/dinámica, constante/variable) e as súas propiedades texturais (rítmicas, melódicas ou harmónicas).
Como explican, esas variables “confiren á sonoridade un carácter xeral ou específico, as primeiras identificando un ambiente e as segundas un lugar determinado”.
E para definir os elementos da paisaxe sonora, distinguiron entre as notas clave (non escoitadas conscientemente, xeradas polas condicións ambientais), os sinais sonoros (sons escoitados conscientemente, en primeiro plano) e as marcas sonoras (sons únicos).
Con todo ese material, finalmente compuxeron unha peza musical tituada ‘Tránsito, escoita e vida’ que, segundo as súas propias autoras, “convida o oínte a realizar unha viaxe virtual polo tramo seleccionado”.
O CAMIÑO SONORO DESCRITO CON PALABRAS
A presenza de sons constantes dálle un carácter xeral á sonoridade que desaparece cando está presente o son da auga (unha marca sonora). Durante todo o paseo (Figura 2), o ambiente acústico está provisto de consonancia harmónica na medida en que a escoita ten un correlato visual. A sonoridade distínguese polo grao de naturalidade, é dicir, aquelas onde, entre as notas clave da paisaxe, destacan os sons dos paxaros e da auga, e aquelas onde os sons antrópicos marcan a escoita na capa sonora de primeiro plano (Figura 3). Nos lugares con obxectos construídos, as fontes sonoras creadas polo home pasan a primeiro plano como verdadeiros sinais. Preto de fontes e pontes, a presenza de auga en movemento é un son tónico.
No primeiro espazo da ruta sonora, o Camiño Real en Ourense, as investigadoras describen así a paisaxe sonora: “A oscilación do son é pequena, aumentando significativamente coa chegada de maior intensidade de tráfico; a antropofonía chama a atención do oínte, relegando a biofonía (aves) a un segundo plano. Mentres que os sons antrópicos teñen unha dinámica máis ampla, a liña sonora de maior altura é a biofónica, que potencia a sonoridade en canto ao ritmo; o vento contribúe ao enriquecemento desta polifonía”.
Xa no segundo espazo sonoro, no Pazo de Ribadeneira, na praza do Soutelo, en Ourense, en Ourense, “o vento e os sons da fauna pasan a primeiro plano”, describen. E engaden: “A sonoridade integra a xeofonía (vento), a biofonía (aves e fauna doméstica) e a antropofonía (voces, vehículos en movemento), contribuíndo a diminuír a frecuencia media”.
Esa frecuencia media é similar no terceiro lugar, o Alto da Costa. Aquí, din, “na capa de fondo están os sons antrópicos; en primeiro plano están a xeofonía (vento) e a biofonía (aves e insectos). Nunha capa adicional pódense identificar os sons procedentes das actividades de construción e, preto do final da gravación, engádese un timbre biofónico que silencia todos os demais sons”
"A Praza do Obradoiro transmite unha sonoridade rica en timbre, dinámica e ritmo, con texturas cambiantes e coloridas, que sinalan o final da viaxe”.
O cuarto espazo sonoro é a Fonte do Santo, no punto de maior altitude da Serra de San Mamede, onde “a chegada á fonte nun lugar sen asfaltar e parcialmente arborado implica un cambio de sonoridade coa frecuencia media máis alta”. E proseguen: “A xeofonía faise audible na capa de primeiro plano, con microvariacións da marca sonora da auga”.
Pola contra, no quinto punto deste paseo sonoro, “a sonoridade sen predominio de ningunha fonte concreta caracteriza a entrada á praza dun asentamento rural”, a praza de Tamallancos, no concello de Villamarín. “Aquí”, din, “as voces humanas e o canto dos paxaros son sinais sonoros, mentres que os vehículos en movemento definen as notas principais”.
No mesmo concello, cruzando o río Barbantiño, en Ponte Sobreira “a presenza de auga confire ao son unha frecuencia media elevada”. E proseguen: “O caudal do río fúndese co canto dos paxaros, seguindo un ritmo cambiante na primeira capa, cos sons restantes nunha segunda capa, enmascarando os sons dos vehículos en movemento”.
Xa no sétimo espazo sonoro, a Praza Maior de Cea, “a auga permanece como marca sonora” e, continuando polo camiño, “a sonoridade relaxante destaca na chegada ao bosque de Bendoiro”, no concello de Lalín, oitava estapa da viaxe sonora. Aquí, “a frecuencia media faise maior a partir da presenza en primeiro plano da biofonía (sinais sonoros); no fondo, tomando forma de notas clave, aparece o son de vehículos en movemento”.
É no noveno espazo onde “a auga como marca sonora se recupera”, na Fonte de Santiaguiño, no concello de Vedra, “onde os sons bióticos son sinais moi parecidos a un dúo co son da fonte na primeira capa; escóitanse como pano de fondo as voces dos camiñantes e o son do vento”, describen.
Finalmente, ao final do Camiño, en Compostela, na Praza do Obradoiro, a sonoridade está dominada polos sons humanos: “Ao chegar á Praza do Obradoiro, a resonancia dos pasos nas rúas empedradas, as voces dos peregrinos e dos turistas, o repenique das campás e a música da gaita únense á culminación da viaxe vital realizada polo camiñante. A frecuencia media é a máis alta de todos os rexistros sonoros. En conxunto, transmite unha sonoridade rica en timbre, dinámica e ritmo, con texturas cambiantes e coloridas, que sinalan o final da viaxe”.
A MÚSICA DA VÍA DA PRATA
Con eses arquivos sonoros, as investigadoras crearon a peza musical ‘Camiño, tránsito e escoita’, coa que pretenden “ampliar o coñecemento do oínte, incrementando o goce do Camiño, xa que é unha forma de interpretación do patrimonio de uso externo”, comentan.
A peza foi armada cos sons gravados nas dez etapas do Camiño sonoro mesturados con fragmentos musicais da ‘Cantiga de Santa María 253 (F: 31) /virelai/ un Romeu de França que ya a Santiago foi per Sta María de VilaSirga/229v’, interpretada con zanfona e frauta doce, “unha das obras líricas máis importantes da España medieval unida ao Camiño de Santiago”, resaltan.
Música do século XIII das Cantigas de Santa María mestúrase cos sons da natureza e de orixe humana do século XXI na obra final creada
Por que ‘Camiño, tránsito e escoita’? O título desta obra, din, “é significativo, xa que se pretende xerar unha experiencia completa do tramo que comprende a Vía da Prata: tránsito, escoita e vida”.
“A obra pretende motivar o oínte a percorrer ese tramo do Camiño de Santiago, e aínda que o traxecto non se realice in situ, o oínte aínda pode percibir o carácter do Camiño a través dos diferentes ambientes sonoros gravados. Agudiza o sentido auditivo mentres camiña sobre o sentido predominante da vista. O son está vivo, e permite identificar a sonoridade ambiental ligada ao tránsito ao longo do camiño marcado”, rematan.
Este proxecto, cuxos resultados veñen de presentarse no volume 17 da revista académica International Journal of Intangible Heritage, pretende animar aos peregrinos a explorar o Camiño agudizando os seus oídos, a descubrir e gozar as sonoridades da ruta xacobea. Pero, como advirten as autoras deste estudo, “o papel da sonoridade nesa experiencia depende da actitude, estado de ánimo e enfoque do espectador-oínte”.
OS SONS DOS BOSQUES GALEGOS
Un proxecto similar, pero sen propósitos académicos, púxose en marcha no ano 2020, para lembrarnos, confinados nas nosas casas pola pandemia de covid-19, como soaban os bosques. Foi grazas ao traballo colaborativo de centos de persoas que grabaron os sons de bosques por todo o planeta.
Para acceder a esta proposta sensorial lanzouse o sitio web Tree.fm, un lugar para escoitar aleatoriamente os sons de bosques de todo o planeta, para “relaxarse, meditar ou facer un shinrin-yoku digital [baño forestal]”, segundo os impulsores deste proxecto, os administradores de Ecosia, un motor de buscas en Internet con sede en Berlín (Alemaña) que doa o 80 % dos seus ingresos a organizacións sen ánimo de lucro de todo o mundo relacionadas coa reforestación.
Todos os sons foron compartidos en Internet en arquivos de audio con licenza Creative Commons Share Alike, isto é, un permiso para copiar, reutilizar ou modificar a obra libremente conservando a mesma licenza. Isto foi posible grazas a ‘Sounds of the Forest’, un proxecto impulsado polo International Forest Festival (Timber), co que se recompilaron os sons de bosques de todo o mundo, “creando un mapa de son cada vez maior que reúne os tons e texturas auditivos” deses espazos naturais.
Os sons forman unha biblioteca de código aberto, para que calquera poida escoitalos e crealos. Ademais, varios artistas utilizaron eses sons para as súas creación no Timber Festival de 2021.
En Galicia recolléronse dúas gravacións sonoras: unha en Vigo de Maika López e outra de Rubén Castiñeiras Lorenzo en Freás de Eiras, Ramirás (Ourense).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.