Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2022 | Actualizada ás 12:31
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, viaxará esta semana a Dublín onde manterá unha reunión bilateral coa presidenta do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, continuando así coa axenda de contactos internacionais, que xa a levou a países como Uruguai, Chile ou Colombia.
Segundo informa a formación nacionalista, a reunión bilateral entre Pontón e McDonald "xuntará a dúas políticas con moito en común". "Ambas comparten ser líderes das súas formacións, ambas comparten lograr os mellores resultados electorais da historia das súas forzas e ambas aspiran a presidir os gobernos dos seus países na próxima cita coas urnas", indica.
O encontro entre ambas as líderes terá lugar este venres na capital irlandesa, na xornada previa á celebración do congreso anual do Sinn Fein, ao que asistirá a eurodeputada Ana Miranda, responsable ademais a área de política internacional dentro da executiva nacional do Bloque.
O obxectivo é abordar cuestións do momento político actual, "marcado por unha crise de prezos que impacta de cheo sobre a calidade de vida da cidadanía, cuestións como a urxencia de defender e fortalecer os servizos públicos, defender o dereito da clase traballadora fronte aos lobbys económicos, de preservar as conquistas sociais, así como o dereito a exercer a súa soberanía e autodeterminación dentro da Europa dos pobos", indican desde o BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.