"Os discursos TERF que moita xente compra tradúcense en violencia directa cara as persoas trans"

Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, denuncia unha loita de poder entre PSOE e Podemos ao redor da Lei Trans. Este sábado, 5 de novembro, colectivos LGBT e feministas convocan unha manifestación para reivindicar dereitos humanos para todas as persoas trans.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ante a "persecución" e as "múltiples violencias" que sofren as persoas trans, varias asociacións feministas (Marcha Mundial das Mulleres) e polos dereitos LGBT+ (ARELAS, Amizando, Nós Mesmas, Avante LGBT, CODIMO...) veñen de convocar unha manifestación para o próximo sábado, 5 de novembro, en Santiago de Compostela, na que esixir "dereitos humanos para as persoas trans" e a "inmediata" aprobación da Lei Trans estatal. A marcha decorrerá dende a praza 8 de Marzo ata o Obradoiro, onde se lerá un manifesto entre varias persoas.

Os zapatos dunha persoa debaixo dunha bandeira trans. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Os zapatos dunha persoa debaixo dunha bandeira trans. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Dende ARELAS - Asociación de Familias de Menores Trans de Galiza -, unha das convocantes, denuncian que "unha parte da clase política está a tratar de retrasar unha e outra vez os dereitos das persoas trans", o que alimenta "uns debates e bulos que non fan máis que menoscabar a dignidade dun colectivo moi violentado e discriminado historicamente". Conversamos coa súa presidenta, Cristina Palacios, sobre esta loita que entende "partidista" e que deixa na posición máis vulnerable as propias persoas trans, "usadas como moeda de cambio e negociación".

Por que é importante saír á rúa este sábado?

Sempre é importante saír á rúa para esixir os dereitos humanos das persoas trans, porque desgraciadamente aínda seguimos nesa loita. E sobre todo, é importante para combater todos estes bulos e mentiras que teñen aparecido nestes últimos meses a raíz do debate da Lei Trans. Estamos vendo como se está cuestionando a identidade das persoas menores trans, ás que acusan de persoas mentireiras ou con desordes mentais. Incluso se lles coloca como un perigo social. E ás familias que apoiamos e acompañamos estes menores, acúsasenos de que incitalos a que accedan a tratamentos médicos, a que se amputen membros... Iso estase dicindo! Somos tratadas de maltratadoras. Parécenos insoportable este nivel de violencia ao que se lle está dando pulo dende moitos medios de comunicación, a través de pseudoprofesionais e pseudofeministas que falan en nome de toda a sociedade. Hai que saír a rúa tamén por todos os atrancos que o PSOE está poñendo a unha Lei Trans que se supoñía xa debatida e negociada. 

Cristina Palacios, presidenta de ARELAS
Cristina Palacios, presidenta de ARELAS | Fonte: arquivo

No 2019 o PSOE apoiou no Congreso un ditame para o recoñecemento da libre determinación da identidade de xénero. Hoxe, intenta retrasar a aprobación da chamada Lei Trans. Que pasou neste tempo?

Gustaríame sabelo. Tamén a Lei Trans andaluza foi escrita e impulsada coa maioría do PSOE. Que mudou? Por que antes dicían si ao dereito de autodeterminación de xénero e agora din non? É unha loita de poder, unha loita partidista entre PSOE e Podemos; e o máis grave é que no medio desa loita están as persoas trans, que se ven utilizadas como moeda de cambio e negociación. O PSOE sempre se nos presentou como o partido que trouxo os dereitos feministas e LGBT+, e é certo ata este momento. De repente chegou outro partido, Podemos, que creou un Ministerio de Igualdade e que puxo en marcha varias leis de igualdade e dereitos LGBT. Entón hai un pequeno sector de feministas hexemónicas dentro do PSOE que quere marcar a axenda feminista de todo o país e que non está agusto se non lidera o movemento. 

Trátase dun feminismo clasista e branco que xa non representa esta sociedade plural. Queremos un feminismo interseccional onde as mulleres racializadas, as mulleres prostitutas e as persoas trans teñan cabida. Dende o privilexio do feminismo hexemónico é moi fácil falar e atacar as mulleres trans, historicamente discriminadas, violentadas e rexeitadas pola propia sociedade e polas institucións. É terrible que alguén que di ser feminista maltrate desta maneira as mulleres trans. 

Que radiografía fas do feminismo transexcluínte? Canto espazo ocupa en realidade?

Aquí abaixo, a pé de rúa, non son moitas, pero son poderosas. Son catedráticas, filósofas, políticas... que teñen espazos nos medios de comunicación, grandes altofalantes. Porén, cando saes ao 8M, ves que moitas feministas están do noso lado. 

Que valoración facedes dende ARELAS da Lei Trans? 

Dende o principio dixemos que era insuficiente, porque non recoñece a autodeterminación de xénero para todas as persoas trans e porque deixa fóra as persoas de xénero non binario. Nós en ARELAS temos un montón de xuventude non binaria que non vai estar recoñecida nesta lei. Ademais, as persoas migrantes van seguir tendo en España enormes dificultades para cambiar a súa identidade de xénero... Non é a lei que nós queriamos, e cremos nun texto moito máis ambicioso ca este; pero aínda así, entendemos que é un avance para certas persoas e situámonos no camiño de apoiala. Hai que sacala adiante como sexa para que deixe de alimentarse este debate absurdo que se está creando. 

Como afecta este conflito á vida das mulleres trans e persoas de xénero non binario?

Afecta moito. Eu teño a gran sorte de estar en dous grupos de Whats App con menores de 14 a 18 anos e de máis de 18, e o que vexo é unha gran incredulidade. Puxeron tantas expectativas nesta lei e neste goberno de esquerdas que viña garantirlles unha vida máis digna, e están vendo unha violencia tan brutal... Non sei os danos que vai provocar nesta xente tan nova, pero imaxino que moitos, incalculables. Vexo que teñen moito medo, porque os discursos TERF que moita xente está comprando, e que van paralelos ao discurso da extrema dereita, tradúcense en violencia directa cara as persoas trans. Eu levo oito anos nesta loita e teño a sensación de ter que volver comezar de cero, pero cunha diferenza: por aquel entón empezabamos de cero a visibilizar as realidades trans infanto-xuvenís coas persoas abertas a escoitar, agora temos que empezar de cero pero con todo o mundo en contra. É terrible o odio que estamos atravesando nestes últimos meses. 

Estas feministas transexcluíntes din que a nova lei borra as mulleres. Como enfrontades este tipo de acusacións?

Hai moitas xuristas que din que non é certo. En Portugal existe unha lei trans e ata onde sabemos non se borrou ningunha muller. E en Malta, en Arxentina, en Andalucía, en Valencia... Trátase un discurso negacionista e absurdo como o que xurdiu no seu momento contra a lei do aborto, o divorcio ou o matrimonio igualitario. Os medos de certos sectores sempre estiveron aí, e nunca pasou nada. Nesta ocasión tampouco vai pasar. Un home non vai dicir que é muller para liberarse dunha condena de violencia de xénero, porque resulta que iso está prohibido. Polo tanto, se alguén burlase a lei, xa estarían os xuíces para xulgar. O que non pode ser é que por un hipotético caso que ao mellor sucede se frenen os dereitos de todo un colectivo. Sería impensable que a lei de violencia de xénero non se aprobase pola posibilidade de que houbese unha denuncia falsa. As mulleres trans levan un montón de anos indo ás cárceres de mulleres e aos baños públicos de mulleres, e nunca pasou nada. Movémonos entre bulos e absurdos. Queren asustar e desviar o debate do verdadeiramente importante. 

Que camiño queda por andar para as infancias trans?

Sinto que hai unha idea moi xeralizada de que as familias sempre apoian as infancias trans, e non é certo en absoluto. En ARELAS levamos tres anos de acompañamento a menores trans sen apoio familiar e cada vez temos máis xente. Neste tempo chegaron 500 persoas. Para min é fundamental seguir traballando coas familias, e aínda con máis intensidade agora. Hai que ter en conta que se o menor non ten apoio familiar, non vai poder avanzar e desenvolverse na súa vida. Penso que a raíz deste cuestionamento público das realidade trans veremos máis casos de acoso escolar, autolesións e mesmo intentos de suicidio.

Que agardades que aconteza nas próximas semanas? Será lei antes do final do ano?

Xa non sabería que dicir. Levamos a sexta prorroga do PSOE... Veremos en que acaba. É moi dificil saber por onde tirará a política. O PSOE está intentando todas as arducias posibles, e esperemos que a tática empregada non sexa aprobar unha lei que logo acabe tumbando o Tribunal Constitucional. A nós prometéusenos que sairía, e deben cumprir. Xa non só coa lei. Espero que chegue o momento no que este país faga unha declaración institucional onde se pida perdon por todas brutalidades que se cometeron, sobre todo, contra as mulleres trans. Polo de agora, este Estado non fai o suficiente para saldar a débeda histórica con elas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta