"As mulleres xogaron un papel clave na autoorganización da xestión do Prestige ante un goberno ausente"

"Nen guerras, nen machismo nen mareas negras. Nunca máis chapapote patriarcal". Neste berro confluían varias loitas que a poboación galega libraba na costa hai agora 20 anos, na catástrofe ecolóxica do Prestige. Falamos coa investigadora María Bella.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 22:22

Comparte esta noticia

Este 13 de novembro do 2022 fanse 20 anos da maior catástrofe ecolóxica da historia de Galicia. Un barco, o Prestige, afundía a 28 millas do cabo Fisterra e tinguía a costa galega de negro fuel. Canda o desastre e fronte á "lamentable" xestión por parte daquel goberno vicepresidido por Mariano Rajoy, ducias de miles de persoas voluntarias, no que se deu en chamar 'mareas brancas', comezaron a limpar a costa contaminada por litros e litros de combustible e impulsaron unha gran mobilización social e política que desenvocou na creación da plataforma Nunca Máis, para esixir responsabilidades ante a catástrofe do Prestige. 

Marcha Mundial das Mulleres na Costa da Morte o 9 de novembro do 2003
Marcha Mundial das Mulleres na Costa da Morte o 9 de novembro do 2003 | Fonte: Javier Alba - Unha gran burla negra

Hoxe, 20 anos despois, o afundimento daquel petroleiro resoa na memoria colectiva de todo un país. A asociación cultural Unha gran burla negra traballa precisamente para visibilizar e activar a reflexión en torno a aquel movemento cidadá histórico. Nela colabora a investigadora e produtora cultural María Bella, que a través dun par de proxectos - 'Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred' e 'Tapices de memoria: Nunca Máis chapapote patriarcal' (este último pode verse ata o 15 de decembro na Facultade de Socioloxía da UDC) - puxo o foco, en concreto, no papel das mulleres nesta loita e na activación da Marcha Mundial das Mulleres acontecida entre Cee e Fisterra no ano 2003 como parte das mobilizacións do Nunca Máis, un fito importante dentro do movemento feminista galego. 

O 9 de marzo dese ano, mulleres de todo o país viaxaron ata Cee e Fisterra para apoiar as compañeiras afectadas. Alí tivo lugar unha concentración, un percorrido pola vila e unha comida conxunta que rematou na lectura de varios manifestos. "Nem Guerras, nem machismo nem marés. Nunca máis chapapote patriarcal" foi o berro escollido como lema para a reivindicación. "O reclamo visibilizaba dúas oposicións claves da loita feminista, a guerra e o machismo, ás que se lle engadían as mareas negras, loita na que as mulleres volveron ser as grandes esquecidas. A parte última enmarcaba a cita dentro do movemento cidadán do Nunca Máis e reflictía á vez o gran malestar das mulleres que se senten habitando un mundo chapapoteado baixo o mando patriarcal", recolle a presentación do proxecto 'Tapides de memoria: Nunca Máis chapapote patriarcal'.

GC conversa coa súa comisaria, María Bello, para debullar as relacións entre a loita feminista e a loita do Nunca Máis. 

Que te levou a recuperar a memoria do Nunca máis dende a loita feminista?

A investigadora e produtora cultural, María Bella
A investigadora e produtora cultural, María Bella | Fonte: Centro Dramático Nacional

Antes de aproximarme ao Nunca Máis desde a loita feminista, levaba desde o 2019 colaborando coa Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra, especialmente desde a Costa da Morte que é onde vivo. A asociación, nada no 2018, dedícase a buscar, recoller, coidar e pór en valor a memoria colectiva do movemento cidadá que emerxeu a partir dos acontecementos do afundimento do Prestige. Nese 2019, desenvolvín como comisaria un proxecto no Museo Man de Camelle que facía un guiño ao meu desexo de compoñer relatos desde sensibilidades, non só situadas, senón en clave feminina. Esta mostra chamouse Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred, o artista medioambentalista de Camelle que morreu cando o chapapote cubriu todo de negro. Aquí tratei de pór en xogo unha serie de miradas sobre o acontecemento abríndome ao especulativo e multivocal, inspirada por ecos de investigadoras feministas e posthumanistas como Donna Haraway. Penso que logo foron aparecendo resonancias desde o producido nesta mostra.

O máis bonito foi que os Tapices da Memoria sobre a Marcha Mundial das Mulleres naceron desde unha apertura á escoita. Foi unha das mulleres máis implicadas na súa organización desde a Costa da Morte no 2003 a que me interpelou un día, en certo modo sorprendida, por non ter dado visibilidade a esa memoria de reivindicación polas mulleres que formaron parte do Nunca Máis. Eu tiña feitos un montón de percorridos polos documentos da asociación e non reparara na Marcha Mundial das Mulleres. Así que, case como resposta a un "chamamento", fun tirando do fío das que estiveron alí, investigando, recopilando e dando forma ao proxecto, que por certo, ten a súa orixe na Costa da Morte, como evento e como recuperación.

"A Marcha Mudial das Mulleres acode para mostrar apoio e compartir fortalezas alí onde as crises magnifican as situacións de pobreza, especialmente desfavorables para as mulleres"

Esa Marcha Mundial das Mulleres do 2003 foi unha convocatoria multitudinaria na que moitas mulleres se achegaron ata Fisterra e Cee para apoiar as compañeiras afectadas. Como se artellou esta loita?

Aquí podo falar como recolledora de relatos e testemuños e de seguro o que conte será necesariamente incompleto... Pero a memoria dalgunhas das mulleres coas que falei e as referencias escritas dos manifestos que se berraron aquel día dan conta da magnitude e o alcance das mareas negras de fuel – especialmente na Costa da Morte-, da lamentable xestión da catástrofe por parte do goberno, e da afectación nas vidas de todas as comunidades cuxo sector productivo era o mar e, de xeito acentuado, para as mulleres. A Marcha Mundial das Mulleres acode para mostrar apoio e compartir fortalezas alí onde as crises magnifican as situacións de pobreza, especialmente desfavorables para as mulleres. 

En canto ao modus operandi da organización, por unha banda, foron cruciais os traballos de base e os lazos entre a coordinadora xeral da marcha e os grupos provinciais e locais das asociacións feministas, na Costa da Morte, especialmente Buserana e a organización propiamente en Fisterra Donas do Fogar. Importante tamén foi a virtude que tiña a Plataforma Nunca Máis no que respecta á súa apertura e capacidade sumatoria nas demandas que xurdían e os apoios que intentaban darse.

"Foi unha especie de revolución e sororiedade moi descoñecidas para moitas das mulleres que puideron ser testigo e parte daquela "celebración". Quizais, para a Costa da Morte, este acontecemento foi un modelo que nunca volveu repetirse, nin sequera no 2018"

Que supuxo esta marcha na historia recente do movemento feminista galego? Cales foron os seus logros?

Penso que son as mulleres que estiveron nesa loita as que teñen a verdadeira capacidade de xulgar o que supuxo para elas como corpo organizado e reivindicador. Desde a escoita dos relatos e situándonos nunha Costa da Morte de hai vinte anos, creo que para moitas mulleres a marcha supuxo descubrir un apoio que nunca antes tiñan sentido, supuxo gañar conciencia sobre unha situación de inxusticia social que non tiñan elaborada nin articulada. En certo modo foi unha especie de revolución e sororiedade moi descoñecidas para moitas das mulleres que puideron ser testigo e parte daquela "celebración". Quizais, para a Costa da Morte, este acontecemento, en forma e participación, foi un modelo que nunca volveu repetirse, nin sequera no 2018. En parte por iso, o proxecto dos Tapices da Memoria pretende que esta forza non caia no esquecemento. Por iso tamén, os tapices pensáronse como un elemento memorial que permaneza co tempo en Fisterra e sinale e reconvoque unha historia de fortaleza en feminino.

Que papel xogaron as mulleres no empoderamento colectivo daquel momento?

Cando percorres o arquivo fotográfico legado pola cidadanía desa tempada ves que as mulleres xogaron un papel activo e fundamental na autoorganización da xestión da catástrofe, nun momento no que o goberno estaba ausente. Desde as mulleres redeiras que improvisaron barreiras artesanais, ás que se ocupaban dos comedores emerxentes polos concellos e do alimento dos primeiros grupos de voluntarios e, de toda unha serie de ocupacións de intendencia fundamentais. Pese a ser moitas veces unha base que sustenta -nas reivindicacións de moitas delas-, deixaban claro que seguían sendo as grandes esquecidas e que toda a precariedade que traía a crise do Prestige xogaría -moi especialmente- na súa contra. O lema que escolleron os grupos feministas poñía o foco xustamente na profundidade e perpetuidade desta inxusticia: "Nunca Máis chapapote patriarcal".

Por que é importante ter presente a memoria da loita das mulleres que viviron de primeira man aquel Pestige?

Diría que a memoria está nas comunidades e que para ter a esperanza de achegarnos a outras formas de mundo, necesitamos dela.

Falamos dunha marcha na que se entrecruzan diferentes reivindicacións... Que elementos unen, para ti, a loita medioambiental e a feminista?

Ambas son, primeiramente, loitas contra a violencia e contra o poder. Ambas abren perspectivas post-humanistas de cohabitación, de respeto, de coidado e corresponsabilidade. Ambas son necesarias para a continuidade da vida.

"As institucións deben recoñecer a memoria do movemento cidadá como unha memoria pública necesaria que debe coidarse, honrarse e ser transmitida"

Dende a Asociación Cultural Unha gran burla negra, cales son os vosos desexos e demandas con motivo deste 20 aniversario da catástrofe?

A demanda iría cara ás institucións, para que recoñezan a memoria do movemento cidadá como unha memoria pública necesaria que debe coidarse, honrarse e ser transmitida. Como desexo, gustaríame que o esforzo que facemos por recordar servira para non esquecer, que a potencia de entón revitalizara os nosos presentes e que a acción de activación desta memoria cidadá resultara contaxiosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta