Investigadores e investigadoras de atlanTTic "conectarán" coa cidadanía o vindeiro venres

Por Galicia Confidencial | VIGO | 15/11/2022 | Actualizada ás 02:27

Comparte esta noticia

Baixo o lema Conecta con atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo celebrará o vindeiro venres, 18 de novembro, entre as 16.00 e as 19.00 horas, unha nova xornada de portas abertas co obxectivo de achegar o seu traballo á cidadanía. Unha vintena de investigadoras e investigadores que desenvolven a súa actividade no centro, amosarán o seu labor e atenderán as preguntas e dúbidas que sobre a mesma lle formulen ás e os participantes na xornada, que poderán visitar as instalacións e participar nas visitas guiadas aos laboratorios do centro de excelencia investigadora da Universidade de Vigo.

Imaxe da xornada de portas abertas celebrada o ano pasado.
Imaxe da xornada de portas abertas celebrada o ano pasado. | Fonte: UVigo

Os equipos científicos que traballan en programas en colaboración coa Axencia Espacial Europea (ESA), en proxectos para mellorar a ciberseguridade, en aplicacións para achegar a cultura ou o Camiño de Santiago a toda as persoas, en ferramentas para a auto-diagnose de enfermidades, ou mesmo nos últimos avances en 5G, cuántica, intelixencia artificial ou fotónica integrada participarán nesta xornada, na que o público, tamén, poderá visitar postos con demostracións e os tres dos laboratorios no que o persoal investigador de atlanTTic desenvolve a súa actividade: o laboratorio de seguimento de satélites; o laboratorio de fotónica; e o de acústica, coa cámara semianecoica, totalmente illada de calquera fonte sonora externa, deseñada e recuberta para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas e cunha sala de control non-enviroment.

Esta xornada de portas abertas enmárcase no programa de actividades de Divulgando Ciencia Singular e require inscrición previa que se pode realizarse a través da propia web de atlanTTic.

UNHA OCASIÓN ÚNICA PARA ENTRAR EN CONTACTO CO PERSOAL INVESTIGADOR

“Trátase dunha ocasión única para poder estar en contacto co persoal investigador do centro e coñecer de que xeito inflúen no deseño das tecnoloxías do futuro a través da súa colaboración activa en proxectos desenvolvidos para empresas e institucións nacionais e internacionais”, explican desde atlanTTic, sobre a xornada do vindeiro venres na que o centro ofrecerá espazos para compartir os seus proxectos máis novidosos ou mesmo os resultados das súas últimas investigacións en curso, co fin de achegar a ciencia á cidadanía.

Así, na xornada de portas amosaranse proxectos como SignaMed, para o emprego do recoñecemento automático de lingua de signos; a app talkAACtive, que axuda a persoas con Trastorno do Espectro Autista no entorno laboral; o Bot de Entretemento e Acompañamento (BEA), para persoas maiores; o proxecto rurAllure, para planificar itinerarios de varias rutas peregrinas europeas; Fawrensian, o software que analiza a veracidade das fotografías; Lightboard, para a educación dixital; LifeTEC, novas ferramentas para a loita contra aos lumes; LitterDrone e BEWATS, teledetección e seguimento de lixo no mar, ou Panoramix, para a detección do deterioro cognitivo.  

Entre as persoas que participen na xornada de portas abertas, atlanTTic sorteará un kit de produtos promocionais do centro. 

UN CENTRO PUNTEIRO

AtlanTTic é un centro de investigación punteiro integrado por máis de 170 profesionais que desenvolven coñecemento no campo da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.

O seu equipo investigador, ademais de liderar proxectos H2020 e colaborar coa Axencia Espacial Europea (ESA), obtivo diversos premios ao seu labor, ademais de pertencer a algunhas das academias e sociedades científicas e profesionais máis recoñecidas e asinar artigos nas máis prestixiosas cabeceiras sobre ciencia como Science ou Nature

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta