Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 22/11/2022 | Actualizada ás 22:38
A maioría das vítimas do tráfico de humanos en España son de Europa do Leste (33%), seguidas de América do Sur (29,4%) e África (27,6%). Por países, os maiores números de vítimas son de Romanía e Nixeria, seguidas de Brasil e Paraguai, mentres que só unha minoría ten nacionalidade española. Son datos de todas as sentenzas ditadas polas Audiencias Provinciais de todo o Estado entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2019.
Neses nove anos, emitíronse 221 sentenzas en casos de tráfico de persoas, nos que as vítimas de explotación sexual representan o 85,1% dos casos xulgados. Así o recolle un estudo realizado por Marc Salat, profesor do Departamento de Dereito Público da Universitat de Lleida.
A maioría das vítimas do tráfico de humanos en España son de Europa do Leste (33%), seguidas de América do Sur (29,4%) e África (27,6%).
Galicia, con 14 casos xulgados nese período, sitúase no sétimo posto por número de procesos xudiciais por tráfico de persoas, nun ranking liderado por Madrid con 39 casos xulgados, seguida por Andalucía, con 27, e Cataluña, con 23.
MÁIS EXPLOTACIÓN SEXUAL ENTRE MULLERES E LABORAL ENTRE HOMES
A gran maioría dos casos xulgados polos tribunais foron por explotación sexual. En total, 188 dos 221 procesos abertos, isto é, o 85,1% do total. Entre o resto, 23 casos (10,4%) foron por explotación laboral, e 10 casos (4,5%) responderon a outras tipoloxías de tráfico de humanos. En todo o período analizado non houbo xuízos para casos de extracción de órganos.
No que se refire ao sexo das vítimas, a inmensa maioría foron mulleres, representando os homes apenas o 9,9%. E as mulleres foron fundamentalmente vítimas de tráfico sexual (92,5% dos casos) e, en menor medida, de explotación laboral (4,5% dos casos). Isto contrasta co tráfico de homes, nos que só no 15,4% dos casos foron vítimas de tráfico para explotación sexual, mentres que nun 69,2% dos casos foron sometidos a explotación laboral.
Os homes apenas representan o 9,9% das vítimas de tráfico de humanos e destaca unha alta prenza de mulleres entre os acusados
Do lado dos explotadores, a maioría dos casos incluíron acusados tanto varóns como mulleres (63,3% dos casos), mentres que nun 24,4% só eran homes e no 12,2%, só mulleres. Mentres que o perfil da vítima é completamente diferente, xa que foron exclusivamente mulleres en 9 de cada 10 procesos penais que finalizaron en condena.
Polo tanto, o tráfico de humanos non é un acto criminal que se poida asociar aos homes, senón que existe “un gran número de mulleres delincuentes implicadas en casos de trata”, sinala Salat.
Isto contrasta coas vítimas, que si son na súa gran maioría mulleres.
EUROPA DO LESTE, SUDAMÉRICA E ÁFRICA, PRINCIPAIS ORIXES DAS VÍTIMAS
En canto á orixe das vítimas, as procedentes de países de África (95,1%) e Sudamérica (93,8%) foron principalmente transportadas a España para a súa explotación sexual. Con todo, as principais vítimas do tráfico de humanos procedían dos países de Europa do Leste e foron as únicas nas que tamén houbo casos de tráfico con propósitos distintos á explotación sexual e laboral.
Detalladamente, máis dun terzo das vítimas eran de Europa do Leste (33%), seguidas de Sudamérica (29,4%) e África (27,6%). Por países, das 217 vítimas contabilizadas nos 221 casos xulgados, os maiores números foron de Romanía (58), Nixeria (57), Brasil (26) e Paraguai (24). Porén, tan só tres tiñan nacionalidade española.
O maior número de vítimas procede de Romanía, Nixeria, Brasil e Paraguai, e só unha minoría ten nacionalidade española
Igualmente, a maioría dos acusados por tráfico de persoas foron de Europa do Leste (28,5%), seguidos de África (25,8%). Con todo, nun elevado número de casos os presuntos infractores incluían tanto estranxeiros como españois (23%). Por países, as maiores porcentaxes de sentenzas corresponderon aos casos nos que todos os acusados eran de Nixeria (24,9%) ou Romanía (23,5) ou incluían unha mestura de españois e estranxeiros (23%).
Os datos, polo tanto, mostran que “existe unha relación entre as nacionalidades dos acusados e das vítimas”, explica Marc Salat, quen engade: “O atípico son os casos de vítimas procedentes de países suramericanos, onde, nunha alta porcentaxe dos casos (47,7%), os infractores inclúen persoas que posúen a nacionalidade española ademais da dos seus propios países”.
O ENGANO, O MÉTODO MÁIS EMPREGADO
Na inmensa maioría das causas xudiciais, os procesos penais foron iniciados contra máis de un acusado, aínda que raramente foron máis de cinco as persoas que sentaron no banco de acusados. Pola contra, case a metade das sentenzas (o 47,2%) nomean só unha vítima. O número medio de vítimas para as 212 sentenzas nas que se proporcionou esta información foi de 2,75.
No que se refire aos medios empregados, o engano (67%) foi o método máis frecuente, seguido do abuso da posición de vulnerabilidade da vítima (7,7%). Pola contra, a violencia ou a intimidación utilizáronse só nun 2,3% dos casos.
Como salienta Marc Salat, “un número non desprezable de sentenzas (26, en total) non se refire aos medios empregados polo autor ou autores do delito”.
A violencia ou a intimidación só se utilizou con vítimas femininas, non con vítimas masculinas
Ao comparar os medios empregados coa rexión de orixe da vítima, obsérvase que o único colectivo no que se utilizou violencia ou intimidación para traer as vítimas a España para a súa posterior explotación foi o das vítimas do Leste de Europa. Este colectivo tamén tivo o maior número de vítimas menores de idade (18 dun total de 26 casos). Ademais, en todos os casos de tráfico de humanos que implicaban unha vítima infantil, era unha nena.
Destaca tamén o feito de que a violencia ou a intimidación só se utilizou con vítimas femininas, non con vítimas masculinas ou en casos de trata de persoas que implicaban vítimas de ambos os sexos.
Aínda que maiormente non se utilizou a violencia ou intimidación para traer as vítimas, unha vez estaban xa en España e comezaban a ser explotadas, o uso da violencia ou intimidación aumentou considerablemente, converténdose no principal medio empregado no 57,7% dos casos nos que a sentenza especificaba esta información (168 sentenzas).
O feito de que o uso da violencia ou a intimidación se converta no principal medio unha vez que a vítima empeza a ser explotada pode explicarse, segundo Salat, “polo desexo das vítimas de escapar da situación de explotación na que se atopa”.
Seguindo coa análise dos tipos de casos de tráfico que chegan ás Audiencias Provinciais, o 97,2% de todas as sentenzas sinalan –se demostrase ou non finalmente– que se produciu algún tipo de explotación, sexa de tipo sexual ou laboral, ou de mendicidade, actividade criminal ou matrimonio forzados.
TAXA DE CONDENAS BAIXA
En total, o 65,6% dos casos concluíron en condena, mentres que o 34,4% restante rematou en absolución. Con todo, hai diferenzas estatisticamente significativas entre os casos de tráfico por explotación sexual e laboral e a probabilidade de condena. Así, o 68,1% dos casos de tráfico para abuso sexual remataron en condena, mentres que nos casos de abuso laboral só foron o 43,5%. Na categoría de “outros”, que inclúen matrimonios, mendicidade e actividade criminal forzadas, o 70% dos casos acabaron tamén en condena.
“Independentemente da finalidade do tráfico, a taxa de condena en España é baixa en comparación cos datos xudiciais doutros países, onde alcanza o 80% dos casos”
Salat considera que esa baixa porcentaxe de condenas en casos de trata con fins de explotación laboral “é preocupante”, polo que cre necesario centrar futuras investigacións en “ver por que a porcentaxe de absolucións é tan alta”.
“En calquera caso”, apunta, “independentemente da finalidade do tráfico, a taxa de condena é baixa en comparación cos datos xudiciais doutros países, onde alcanza o 80% dos casos”, apunta.
POUCOS CASOS DE CRIME ORGANIZADO
Contra o que cabería pensar, detrás da maioría dos casos de tráfico humano xulgados non hai grupos de crime organizado.
Como explica Marc Salat, “os datos mostran que as causas que chegan a xuízo atinxen a grupos criminais bastante reducidos que, ademais, están a ser xulgados por casos illados (na maioría dos casos, con só unha vítima detectada); polo tanto, a maioría dos casos procesados polos tribunais penais españois non son froito do crime organizado”.
SITUACIÓN EN GALICIA
Desde o ano 2020, a ONG Accem atendeu en Galicia a 198 posibles vítimas de trata. A media anual de atencións integrais sitúase en ao redor de 50, ás que hai que sumar as intervencións externas realizadas en rúas ou pisos. O perfil das mulleres ás que Accem dá atención é heteroxéneo, predominando as mulleres de orixe estranxeira e, fundamentalmente, procedentes de países de América Latina como Brasil ou Colombia, segundo un informe desta ONG, que desde 2019 desenvolve o programa “Atención integral a mulleres vítimas de trata sexual e/o persoas prostituídas”, financiado pola Xunta de Galicia.
“Nos últimos tempos cabe sinalar que observamos unha tendencia de aumento das mulleres con permisos vixentes de residencia e traballo que exercen a prostitución. Por regra xeral, a falta destes permisos constitúe un factor de peso na situación de vulnerabilidade das mulleres, que pode conducir ao exercicio da prostitución ou á explotación sexual por parte de terceiros, así como á captación e explotación por parte de redes de trata de persoas. Este aumento sinalado de mulleres migrantes que, a pesar de contar cos permisos en vigor, exercen a prostitución sinálanos un escenario de precariedade e un mercado laboral que non dá suficientes oportunidades ás mulleres migrantes, que se ven en ocasións na necesidade de atopar solucións extremas para a cobertura tanto das súas necesidades como, a miúdo, das súas familias nos países de orixe”, explican desde Accem.
O perfil das vítimas de explotación sexual en Galicia é o de mulleres de 18 a 30 anos, de orixe venezolana, colombiana, guatemalteca, paraguaia, brasileira e nixeriana
En decembro de 2021, Accem publicou, no marco do programa estatal Novicom, o informe “Radiografía de la trata en Andalucía y en Galicia”. Neste sinálase que as vítimas identificadas en territorio galego proviñan doutras comunidades ou realizaron a súa entrada inicial a través de Portugal, ruta elixida por persoas de orixe latinoamericana, maioritariamente.
En todo o territorio galego, en cinco anos, entre 2016 e 2020, identificouse un total de 32 vítimas por trata de seres humanos con fins de explotación sexual, fronte ás 211 identificadas en Andalucía no mesmo período de tempo.
Segundo os dagos de Accem, o perfil desas vítimas en Galicia é o de mulleres novas de 18 a 30 anos de idade, maioritariamente de orixe venezolana, colombiana, guatemalteca, paraguaia e en menor incidencia, brasileira. Pero tamén se identificaron vítimas de orixe subsahariana, sobre todo mulleres nixerianas.
Fronte a estes datos contrastan os de explotación laboral, xa que no mesmo período só se puido identificar unha soa vítima en Galicia, mentres que en Andalucía foron identificadas 155. Pero isto non quere dicir que en Galicia non haxa casos deste tipo. Como explican desde Accem, “en Galicia si que existe a trata con fins de explotación laboral, quizais o número sexa menor que noutros territorios, pero unha vítima en cinco anos é o reflexo de que algo está fallando na comunidade autónoma en materia de loita contra a trata”, argúen.
Por outro lado, ao longo deses cinco anos, a nivel estatal identificouse un total de 38 persoas vítimas de trata con fins de mendicidade, das cales 12 foron detectadas no ano 2018 en Galicia, supoñendo o 31,6% a nivel estatal. En relación ás demais finalidades de tráfico de humanos tales como a comisión de actividade criminal e o matrimonio forzoso, non se identificaron casos relacionados neses cinco anos en Galicia. En canto á extracción e tráfico ilícito de órganos, non se detectaron en todo o territorio estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.