Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2022 | Actualizada ás 20:52
A estación meteorolóxica de Cabeza de Manzaneda rexistrou ventos de máis de 190 quilómetros por hora este luns, xornada na que o temporal deixou en toda Galicia case 200 incidencias, aínda que ningunha resultou grave.
Segundo os valores máximos rexistrados por Meteogalicia, Cabeza de Manzaneda notificou ás 19,30 horas dos tarde refachos de 192,3 km/h, a marca do día na Comunidade, que supera por moito o segundo valor máis alto: na estación do Xistral, en Muras, houbo 136,1 km/h ás 4,20 da mañá.
Tamén houbo fortes ventos en Punta Candieira, en Cedeira, con 119,2 km/h ás 3,40 da madrugada; e en Penedo do Galo, en Viveiro, con 117 km/h ás 5,30 horas.
En canto ás choivas, a peor parte tamén lla levaron as provincias do leste. No alto do Poio, en Pedrafita do Cebreiro, caeron ata as 20,30 horas deste luns 54,3 litros por metro cadrado de precipitacións. En Amiudal, en Avión, caeron 45,6 l/m2.
CASE 200 INCIDENCIAS
Así mesmo, o temporal provocou que o 112 Galicia contabilizase case 200 intervencións dos servizos de emerxencias relacionadas coa climatoloxía adversa. A provincia máis afectada foi Pontevedra, seguida da Coruña, Lugo e Ourense.
Ningún dos incidentes resultou de gravidade, principalmente porque os equipos de intervención realizaron máis de 30 operativos nos que o obxectivo foi a reparación antes de que ocorrese nada, como foi a retirada de árbores e mobiliario urbano en situacións perigosas.
A maior parte das accións tiveron que ver coa retirada de árbores caídas, ata en 126 ocasións. Tamén se produciron 23 caídas de cables e postes, e 14 desprendementos de terra e pedras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.