A Xunta modifica a Lei do Solo e a Rede Natura pola "porta de atrás" para facilitar grandes proxectos industriais

"Leva a lei de depredación industrial ata o seu grao máximo", denuncian desde o PSdeG. Proxectos como a planta de biogás de Toysal ou a mina de Casalonga, así como grandes proxectos eólicos en espazos naturais contarán con menos trabas a partir do vindeiro ano. Adega di que o método escollido pola Xunta "é ilegal e resposta á intención da administración galega de eliminar a participación do público".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/11/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A gran planta de biogás de Toysal ou a mina que esta empresa quere impulsar en Casalonga, en Teo, poden ter unha "segunda vida". Son grandes proxectos industriais que, están, polo momento, paralizados, pero que, poden volver ser reactivados grazas a un polémico cambio da actual Lei do Solo ou do Plano Director da Rede Natura 2000 que a Xunta aproba pola "porta de atrás", a través da lei de medidas fiscais e administrativas, coñecidas como leis de acompañamento aos orzamentos xerais de Galicia.

Planta de residuos de Toysal á marxe do LIC do Río Mera nunha imaxe da súa autorización ambiental /http:/de 2010/www.cmati.xunta.es
Planta de residuos de Toysal á marxe do LIC do Río Mera nunha imaxe da súa autorización ambiental /http:/de 2010/www.cmati.xunta.es

 

Deste xeito, as emendas, que o propio Partido Popular presenta aos seus orzamentos para o 2023, modifica o artigo 35 da Lei do Solo facilitando plantas privadas de tratamentos de residuos en solo rústico "de calquera tipo", antes era só público, e tiña que ir en solo industrial. É un cambio que parece pequeno, pero de máis intensidade e importancia do que parece. 

 

Os cambios promovidos polo Partido Popular como emenda, presuntamente buscando que pase desapercibida, afectan de forma directa a proxectos como os de Toysal en Teo. O informe emitido polo arquitecto municipal no ano 2018 vetaba a planta de biogas desta empresa. O veto amparábase na prohibición de promover estas instalacións, sendo de titularidade privada, tal e como recolle a normativa a nivel de todo o estado.

 

Pero os cambios realizados, permitirán impulsar este proxecto, e outros, amparandose nisto e noutra reforma que non é menor.  E é que a partir de agora os informes municipais tampouco serán vinculantes. "O PPdeG ameaza, e moito, a autonomía municipal", denuncia a voceira socialista en Teo, Uxía Lemus. "A partir de agora, todas as licencias serán as que dea a Xunta. Xa non valen para nada a dos concellos. Hai unha perda de autonomía municipal total", denuncia en declaracións a Galicia Confidencial. 

 

"Hai unha manga ancha total para que calquera industria poida facer un megaproxecto en zonas nas que antes non podía facelo. Estase levando a lei de depredación industrial ata o seu grao máximo", critica. Lemus lembra que esta modificación servirá para que se poida activar o proxecto de Toysal en Teo nun momento no que estaba case paralizado. "É unha inxección de moral moi forte para esta industria e outras", sinala.

 

REDE NATURA

 

Tamén os grandes proxectos eólicos poden ter unha "segunda vida". Ata agora, algúns deles téñense paralizado grazas á mobilización da sociedade e informes de órganos como as universidades galegas. Pero, agora, a Xunta tamén modificou pola "porta de atrás" o Plano Director da Rede Natura 2000 para saltarse os trámites de consulta e participación pública.

 

E faino, tamén, a través do proxecto de lei de orzamentos de 2023 que inclúe entre as medidas administrativas unha fonda modificación do plano da Rede Natura. Este proxecto, aprobado polo Decreto 37/2014 e segundo esta norma, ten a consideración de PORN (Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais) e a súa modificación debera someterse a un procedemento de información pública e contar cos informes preceitivos de diversos organismos consultivos.

Pero a Xunta, utiliza a vía da lei de acompañamento para modificar esta lei e "furtar" a participación pública da cidadanía, concellos, colectivos sociais e universidades. A organización ecoloxista Adega denuncia que tamén se incumpren como que calquera modificación (substancial ou non) debería someterse, como mínimo, a un procedemento de información pública, que neste caso non se da.

Adega advirte á Xunta que as modificacións do plano de Rede Natura poderían ser causa de impugnación da norma que se modifica ou mesmo do propio Proxecto de Lei de Orzamentos. "Á marxe do contido das modificacións que se pretenden introducir no dito Plano Director, que por certo carecen de fundamentación científica e desoen os requerimentos da CE, o espúreo método escollido pola Xunta é ilegal e resposta á intención da administración galega de eliminar a participación do público, os concellos e as universidades", indica nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta