Valdeorras prepárase para a renovación do órgano de goberno do Consello Regulador

Aprobados os censos provisionais, agora ábrese un prazo de tempo para comprobacións e reclamacións e do 23 de decembro ao 5 de xaneiro poderán presentarse candidaturas. As eleccións serán o 19 de febreiro de 2023.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 01/12/2022 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras aprobou o mércores 30 de novembro os censos provisionais para a renovación do órgano de goberno do organismo de cara aos comicios que terán lugar o 19 de febreiro de 2023. Estes censos van estar a disposición dos interesados na sé do Consello e aqueles que queiran contar cunha copia dos documentos deberán solicitala á Xunta Electoral.

Últimas eleccións no ano 2017. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.
Últimas eleccións no ano 2017. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.

Os censos provisionais enviaranse tamén ás oficinas de Extensión Agraria da Rúa e do Barco, á Delegación da Consellería do Medio Rural en Ourense e á sede de Agacal en Santiago. O prazo de exposición das listaxes nominais provisionais abranguerá entre o 2 e o 14 de decembro, data esta última na que expira o prazo para realizar calquera reclamación ao respecto.

Xunto a isto, o 21 de decembro establécese como data límite para resolver as reclamacións por parte do Consello Regulador e a exposición dos censos definitivos será o 5 de xaneiro de 2023. O prazo para a presentación de candidaturas será entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro.

CANDIDATURAS E ELECCIÓNS

Adicionalmente, o 12 de xaneiro efectuarase a proclamación provisional de candidaturas e o sorteo de mesas e o 17 de xaneiro finaliza o prazo para as posibles reclamacións destas candidaturas, que serían resoltas como moi tarde o 20 dese mes. Finalmente, sete días despois, o 27 de xaneiro, a Xunta Electoral realizará a proclamación de candidaturas definitivas. Éstas poden chegar a acordos entre si ata o día 2 de febreiro e a campaña comezaría ao día seguinte, na xornada do 3 de febreiro.

Tras as eleccións, o 19 dese mesmo mes, conformaríase o novo Pleno nunha data comprendida entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta