Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/12/2022 | Actualizada ás 17:32
O peche de centros de saúde mental e de atención ás drogodependencias é unha parte da resposta aos traslados de xente con enfermidades mentais e toxicomanías a centros de maiores. A conversión de residencias en centros de dependencia fai deles unha saída para as “emerxencias sociais”. Estas emerxencias antes eran absorbidas por outro tipo de instalacións con profesionais preparados. Agora, unha persoa drogodependente con síndrome de abstinencia permanece uns días no hospital. Declárase a súa “emerxencia social” e as autoridades materializan o seu traslado a un centro de dependencia. A mesma fórmula sería aplicada para unha persoa cun brote psicótico. De súpeto, as residencias para xente maior convértense nunha solución de internamento para todo tipo de afeccións atendidas polos servizos sociais. Elimínase a especialización dos diferentes centros, é o persoal das residencias quen atende a esta xente, o mesmo que cos anciáns, e non reciben ningún tipo de apoio mediante o reforzo dos cadros de persoal. A situación pode converterse en risco potencial para anciáns usuarios como para o persoal que os atende.
A INSPECCIÓN AVISA DOS RISCOS
“Esas persoas deberan estar en centros especializados e non en residencias de maiores” din desde a Asociación de Inspectores de Servizos Sociais (AISS). Tres de cada cinco novos ingresos en residencias son xentes con patoloxías mentais ou de adicción a substancias “con medias de idade de vinte ou trinta anos para abaixo con respecto aos usuarios de maior idade”. Unha persoa de 60 anos que sufra un brote psicótico pode danar severamente a un usuario maior que posiblemente non poida defenderse.
“Os centros de maiores non están preparados para recibir este tipo de usuarios e menos aínda o persoal que hai neles”. A política de recortes en sanidade por parte da Xunta é a orixe dos traslados aos centros de maiores. “Estamos diante do que sería unha neglixencia e pedimos parala porque non se lles está dando o tratamento que merecen” tanto usuarios de saúde mental como maiores.
A AISS cre que as consellerías de Sanidade como de Política Social deberan dar respostas serias ante unha situdación, din, que pode estourar en calquera momento. Até o de agora os casos de agresións por parte de persoas con problemas de saúde mental a anciáns e persoal só son coñecidos entre profesionais e inspección.
Estes últimos son os que levan os partes á Xunta de Galicia. “Os inspectores están ou ameazados ou non reciben a atención que merecen” sinala Sonia Jalda de Traballadoras de Residencias Galegas (TREGA). A súa compañeira Maribel Barreiro apunta que “a inspección leva actas que logo poden ser paradas polos seus xefes ou pola mesma Xunta”.
NECESARIA A PRESENZA DA POLICÍA
“Desde que pechou o psiquiátrico do Rebullón agora só quedan algunhas prazas no Álvaro Cunqueiro e no Nicolás Peña en Vigo” di Maribel Barreiro, de TREGA. As persoas en situación de vulnerabilidade por doenza mental ou toxicomanía que non teñan familia son enviados ás residencias de maiores, agora centros de dependencia.
O envío de persoas con situacións vitais como as mencionadas colle en situación de vulnerabilidade tanto a profesionais como usuarios. “Moitos brotes psicóticos acaban en agresións a usuarios maiores ou ás enfermeiras e auxiliares” di Barreiro. O método de sufocar tanto este tipo de brotes como ataques por síndrome de abstinencia ou polo simple desexo de saír do centro, acaba case sempre en chamadas á policía e ao 061.“Os profesionais do 061 non entran até que a policía ten controlada a situación”.
Por outra parte, a situación do persoal en residencias de maiores tal como se viu nos últimos dous anos, non garante nin a atención necesaria nin garda a seguridade precisa para este persoal. “As direccións privadas só queren diñeiro, nas que hai prazas concertadas meten unha persoa con problemas psiquiátricos cunha persoa maior no mesmo cuarto e aí pode haber un problema” di Sonia Jalda, de TREGA.
A todo isto engádese a cuestión de que unha praza ocupada por unha persoa procedente dos antigos centros de saúde mental, é unha praza menos para xente maior. “Insistimos que non son lugares idóneos para este tipo de doenzas, non temos persoal preparado para eles e as agresións e mesmo situacións de acoso sexual, non son raras” di Barreiro.
RESPOSTA DO SERGAS
Galicia Confidencial púxose en contacto coas consellerías de Sanidade e de Política Social. Desde o SERGAS enviouse o seguinte texto.
“Non se está a levar a cabo ningún proceso de "traslado" de persoas con diagnóstico de enfermidade mental a centros sociosanitarios. As persoas con diagnóstico de saúde mental que ingresan nestes centros fano en virtude do recoñecemento dunha situación de dependencia, conforme á normativa vixente de carácter estatal.
Polo tanto, non se están a producir ingresos en resposta a ningún peche de centros, e os ingresos prodúcense en virtude do recoñecemento dunha situación de dependencia. Tampouco se está a producir peche de camas ou de centros psiquiátricos nin públicos nin privados, nin no momento actual nin nos ultimos anos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.