Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2022 | Actualizada ás 15:12
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu este venres no Pleno do Parlamento de Galicia en que a falta de facultativos en Atención Primaria é un problema a nivel estatal, tras achacar os socialistas a situación en Galicia a malas condicións laborais.
O deputado do PSdeG, Julio Torrado, que presentou a interpelación socialista dirixida ao líder de Sanidade, asegurou que "non é problema de estudantes" ("producimos en España máis estudantes que os que se xubilan") e "tampouco é problema de volume de profesionais" xa que, segundo o INE, "de cinco anos para aquí, hai ao redor de 1.300 médicos máis dispoñibles".
Nesta liña, sinalou tamén que actualmente existen o dobre de prazas MIR en Primaria ofertadas que fai cinco anos e "o ano pasado quedou algunha baleira; é dicir, que ningunha persoa que quere facer Primaria queda fóra".
Entón, argumentou Torrado, o problema teñen que ser as condicións laborais. "Galicia é a Comunidade autónoma que peor paga ao seu MIR en toda España. Trátase de crear máis prazas ou mellores prazas? A realidade é que faltan mellores prazas", afirmou.
Os socialistas apostan tamén por converter a Atención Primaria nun "verdadeiro eixo resolutivo", para o que sería necesario dotala de máis especialidades e chegar ao tope competencial das categorías.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade volveu a insistir en que a falta de facultativos é un "problema común en toda España" e apuntou que a propia ministra de Sanidade, Carolina Darias, así o asegurou este xoves tras a reunión da Comisión de Recursos Humanos do Consello Interterritorial de Saúde (CISNS).
XUBILACIÓN ACTIVA
A este respecto, Comesaña celebrou a decisión tomada na reunión de facilitar a xubilación activa dos médicos e pediatras de Atención Primaria, aínda que con excepcións. "Por fin o Goberno dáse conta de que un problema xeral necesita unha solución xeral, aínda que isto soluciona os problemas cos médicos maiores, non cos máis novos, que son os que se teñen que incorporar", sinalou.
"Para o PSdeG tivo que ser demoledor. Levan insistindo toda a semana en que non hai un problema, senón que se paga mal. E onte vén o Goberno e lles emenda a plana, e afirma que a única forma de solucionar o problema é prolongar a vida laboral dos médicos maiores", apuntou o conselleiro.
En canto ás afirmacións sobre as malas condicións laborais, Comesaña acusou a Torrado de "manipular os datos", indicando que os socialistas se centraron nos salarios mensuais do MIR, onde Galicia si sae peor parada, e obviando as táboas cos salarios anuais e as gardas, "onde a Comunidade está na media das retribucións".
Lembra ademais que no verán de 2021 xa avisou á ministra da posibilidade de que quedasen prazas vacantes, algo que Darias "negou", e "finalmente si quedaron". Tamén respecto do MIR volveu a pedir celeridade na reforma do sistema e remarcou que o 89 % dos que acabaron en maio deste ano permaneceron vinculados á sanidade pública de Galicia.
Na súa última intervención, o deputado socialista afeou os cualificativos expresados polo conselleiro por mor da discusión polos datos, amparándose na "semana moi perigosa, en termos de dialéctica", que viviu a política española. "Chámame trileiro por non usar os datos que vostede quere. A táboa está ben, non era mentira, pero non era a que vostede quería", afirmou.
COMESAÑA ACUSA AO BNG DE "DAR UN MÍTIN" E NON "SOLUCIÓNS"
Por outra banda, tamén durante o pleno, o conselleiro de Sanidade acusou ao BNG de "dar un mítin", pero non achegar "solucións" ás problemáticas no sistema público sanitario galego. "Por que?", cuestionou o conselleiro, "porque confían en que non as haxa", sentenciou.
En resposta a unha pregunta oral do deputado nacionalista Manuel Lourenzo sobre "as medidas que ten pensado adoptar o Goberno galego para solucionar os problemas coa sanidade pública no concello de Soutomaior", García Comesaña reiterou que "hai persoas con interese político en que a situación que vive o seu Concello non se arranxe" para "non quedar sen discurso ante as eleccións municipais".
Así, acusou ao deputado do BNG de, entre outras cousas, "animar" a Néstor Rego, deputado dos nacionalistas no Congreso, a "pedir que votase en contra de que todas as comunidades puidesen contar con máis médicos", así como de que o Bloque votase en contra no Parlamento de Galicia a "conseguir suficientes pediatras". "Se conseguimos suficientes pediatras, vostede non poderá vir aquí, a este Parlamento, a soltar esas soflamas e a colgar despois o vídeo en redes sociais", censurou.
Manuel Lourenzo puxo enriba da mesa a espera que asegura padece a cidadanía para ser atendida no centro de saúde do municipio pontevedrés de Soutomaior, algo que, segundo detallou, "demostra a día de hoxe a propia aplicación do Sergas". "A veciñanza está farta de mentiras e o que esixe son solucións", censurou.
CENTRO DE SAÚDE
Sobre o convenio para un novo centro de saúde na localidade, ao que fixo referencia Comesaña, Lourenzo afirmou que todas as medidas "son benvidas", pero, continuou, "o formigón por agora non pode curar aos veciños". "Menos mentiras, máis médicos e máis sanidade pública", concluíu o deputado nacionalista.
A isto, Comesaña respondeu: "Menos samba e máis traballar". A continuación, relatou que xa se reuniu cos profesionais sanitarios do municipio e co alcalde, co que asinou o convenio do novo centro de saúde.
Para o titular de Sanidade, iso é "traballar polos pacientes", mentres que o BNG "fai manifestacións". "Por iso, mentres uns traballan, outros fan samba", reiterou.
ONCOHEMATOLOXÍA NA MARIÑA
Por outra banda, o conselleiro de Sanidade tamén respondeu este venres a unha pregunta oral do grupo parlamentario popular sobre a situación do Servizo de Oncohematoloxía no Hospital Público da Mariña Lucense.
Neste senso, García Comesaña reivindicou que os hospitais comarcais "lonxe de perder servizos, gañaron". Así, censurou ao "oráculo da oposición" que, segundo afirmou, "dicía que ían pechar os comarcais" cando o Goberno galego anunciou as estruturas de xestión integrada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.