Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2022 | Actualizada ás 20:45
Lucía Blanco
Aínda que naceu coma un traballo de aula da man de Cibrán Tenreiro, profesor responsable, dende o inicio logrou a implicación dos alumnos para os que o proxecto supoñía unha auténtica necesidade. "Díxonos que podíamos facer un certame ou un festival, que podíamos elixir. Segundo foron saíndo as propostas, practicamente todos tiñamos claro que queríamos facer algo para os estudantes porque normalmente as súas obras quedan reducidas a proxeccións nas clases e non teñen moita saída e moitas veces contan cunha calidade moi boa que lles pode abrir portas", explican desde o equipo. E é que gañar experiencia práctica próxima ao mundo profesional, darse a coñecer no sector e comezar a construír a súa propia rede de contactos son algunhas das pretensións do evento.
O traballo colaborativo foi fundamental no desenvolvemento do proxecto que comezou a xestarse no mes de setembro. Un proceso que levou aos alumnos, divididos en cinco equipos –produción, programación, comunicación, técnicos e actividades–, a afrontar as mesmas dificultades que calquera outro profesional neste tipo de certames. "Ao principio o más difícil foi a financiación e conseguir os espazos. Sabíamos que iamos contar co auditorio da facultade pero queríamos ir máis aló baseándonos en festivais como Cineuropa, que non ten as súas proxeccións nun mesmo lugar, para facilitarlle á xente que vive lonxe da facultade que se puidera achegar", conta Laura Martínez do departamento de comunicación. Finalmente, o Museo das Peregrinacións e o auditorio da Facultade de Filoloxía foron os enclaves elixidos para esta primeira edición.
A participación estaba aberta a alumnos de Comunicación Audiovisual e outros grados, ciclos superiores relacionados con esta rama e estudantes do bacharelato artístico, algo que tamén tiveron en conta no proceso de selección. "Recibimos case 40 pezas e foi o grupo de programación o encargado de velas e elixir cales seguían no festival. Pedíamos que tiveran unha calidade mínima para proxectar pero sendo conscientes de que se podía presentar alumnado de institutos", detallan. En total, unha vintena de obras formaron parte do visionado na Facultade de Comunicación ao longo de toda a semana.
A FICCIÓN, A GRAN PROTAGONISTA
A ficción foi a gran protagonista da cita, xa que reuniron máis de tres horas de gravacións e 15 producións. A pluralidade de temáticas destacou nesta categoría con filmes como C-A-I-R-O de Hugo Rodríguez e Miguel Romero, que aborda o sentimento de confusión e angustia tras a perda dun ser querido o Desde el día en que nací de Isaac Gulías, que constitúe unha viaxe experimental a través do arrepentimento.
O ensaio persoal é o xénero que domina a categoría de non ficción na que compiten seis producións. O amor e a amizade son os eixes vertebradores de creacións como Amor, amor de Mara Varela Castro e Ana Sánchez García e Onde fomos xuntas de Marta Alborés Prejigueiro e Lucía Mosquera Suárez, aínda que tamén cobran relevancia temáticas coma a presión social e a desesperación, liñas argumentais da obra Ka0s de Rocío Campoy Lage. Á súa vez, un visionado de videoclips e de pezas que conforman a sección non competitiva completan a programación, na que o intercambio de pareceres e de experiencias marcaron as xornadas.
O xurado profesional é unha parte fundamental de calquera festival e dende a organización do Facom Fest eran conscientes de isto, aínda que conformalo non foi unha tarefa sinxela. "Foi complicado porque fixemos o festival en moi pouco tempo e avisamos tarde, entón moitos profesionais xa tiñan as datas ocupadas ou tiñan rodaxes", detalla Laura. Porén, a dificultade non os freou e lograron que Jorge Coira, Anxos Fazáns, Iria Silvosa e Berio Molina sexan os encargados de valorar as producións, acompañados de dous xuíces alumnos a través dos que se reivindica o papel dos novos creadores no sector audiovisual.
No marco deste evento tamén se desenvolven unha serie de actividades paralelas que buscan dar resposta ás inquedanzas do alumnado, así como completar a súa formación. Un encontro sobre o proceso de produción dun videoclip da man de Trece Amarillo –responsable dos vídeos de Tanxugueiras–, dous coloquios sobre a diversidade de contidos dixitais e as posibilidades da industria e un obradoiro de pitching con Belén Puime –creadora da webserie Pringadas– enriquecen o cartel. Tras a gala de clausura, o concerto de Aeronave Adolescente e Futuro Alcalde na sala Moon será o broche de ouro dunha iniciativa cultural que se converte nun espazo de encontro para as novas xeracións do audiovisual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.