Dous incendios mobilizan os servizos de emerxencia en vivendas na Coruña e Vigo

Outro incendio nunha palleira no concello ourensán da Mezquita obrigou a intervir aos equipos de emerxencia na madrugada deste domingo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2022 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencia tiveron que intervir nas últimas horas en dous incendios en vivendas da Coruña e de Vigo. O primeiro afectou a unha cociña da rúa Barcelona, na cidade herculina, e o segundo a un ático da avenida Gran Vía.

Na Coruña, o incidente produciuse minutos antes das 20,00 horas. Segundo trasladou o 112, o lume iniciouse nunha tixola e afectou á campá extractora.

Para esta intervención, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) solicitaron a colaboración dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros da Coruña, dos axentes da Policía Local e tamén dos membros de Protección Civil da cidade.

Ademais, a propietaria do inmoble tivo que ser atendida no punto polo equipo médico desprazado ata o lugar por mor dunha crise nerviosa.

Por outra banda, en Vigo, un incendio na avenida Gran Vía, sobre as 17,30 horas, puxo en alerta aos servizos de emerxencia da cidade olívica. Finalmente, por mor deste lume un can foi rescatado polos bombeiros e resultaron calcinados algúns mobles do salón da vivenda.

Así mesmo, os servizos de emerxencia tamén tiveron que intervir este sábado nun incendio nunha vivenda da localidade coruñesa de Rianxo. Neste caso, tratouse doutra tixola esquecida ao lume, que afectou tamén á campá extractora.

Este suceso produciuse sobre as 22,00 horas na rúa Xosé María Brea Segade. Ata o lugar acudiron os Bombeiros de Boiro, que trataron de ventilar o inmoble, posto que os propios particulares conseguiron apagar as chamas coa axuda dunhas pezas de roupa.

ARDE UN PALLEIRO NA MEZQUITA

Un incendio nunha palleira no concello ourensán da Mezquita obrigou a intervir aos equipos de emerxencia na madrugada deste domingo. O incendio produciuse ao fío das 04,00 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular informando dun lume nunha nave próxima ao cemiterio.

Con estes datos, os axentes do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos membros do GES da Gudiña para atallar as chamas. Unha vez finalizada a intervención, o equipo de extinción informou que o lume consumiu herba seca, leña e parte do material agrícola almacenado nunha nave dunha granxa en desuso. Ademais, como consecuencia deste incendio, unha persoa tivo que ser evacuada ao centro sanitario de referencia polos servizos sanitarios por inhalación de fume.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta